Antonio Fernández: "As vitorias morais non dan tres puntos, pero si reforzan o grupo"

Pontevedra
19 de novembro 2022

O adestrador do Pontevedra valorou positivamente o traballo realizado polo equipo no partido contra o Pontevedra pero lamentou non poder poder sumar os tres puntos

Antonio Fernandez, adestrador do Pontevedra, no partido contra o Fuenlabrada
Antonio Fernandez, adestrador do Pontevedra, no partido contra o Fuenlabrada /
Rolda de prensa de Antonio Fernández tras o partido contra o Fuenlabrada en Pasarón /

O adestrador do Pontevedra, Antonio Fernández, compareceu en sala de prensa tras o empate fronte ao Fuenlabrada cunha mestura de satisfacción e malestar. Mostrouse moi contento co traballo do equipo, pero molesto polo escaso botín conseguido. 

"O empate nunca se pode dar por bo cando o equipo fixo todo o posible por sumar de tres. Atopámonos a un rival que veu a traballar a portería a cero e aproveitar algunha contra para pillarnos. O Pontevedra estivo moi ben nun escenario que pouco axudaba ao fútbol combinativo e tentou ser mellor que o rival. O balance é positivo pero quédanos mal sabor de boca por conseguir só un punto, queriamos os tres", resumiu o adestrador.

Fernández Rivadulla desfíxose en eloxios cara aos seus xogadores, tanto a nivel colectivo como particular. "O equipo estivo fisicamente perfecto, defensivamente estivo correctísimo exceptuando algún fallo que tivemos. Os xogadores dérono todo para gañar e non puido ser. Fomos mellores que o Fuenlabrada, minimizámolos", insistiu.

Neste sentido, tamén tivo palabras cariñosas para Seoane, que completou os noventa minutos de partido a un gran nivel e parece deixar atrás dunha vez por todas a súa lesión. "Estou contento pola recuperacion de Sé. Deu un paso adiante definitivo. É un xogador máis que entra en escena e de moito nivel. Vai dar moito", asegura o técnico, que tamén destacou o traballo realizado por Bastos como lateral esquerdo. "Ten bo centro tanto con esquerda como con dereita", destacou del.

Sobre o desenvolvemento do choque, declarou o preparador que "é un dos partidos máis completos que levamos este ano". Con todo, recoñece que "as vitorias morais non dan tres puntos, pero se reforzan ao grupo".

Ademais mostrouse moi optimista coas opcións de permanencia do Pontevedra. "Partidos como o de hoxe fan que o grupo crea en que vai ser unha salvación folgada", rematou.