Antonio Fernández chama á afección: "Oxalá podamos ver en Pasarón tres ou catro mil persoas, o equipo meréceo"

Pontevedra
23 de setembro 2022

Con todos os xogadores dispoñibles e co empate de Riazor xa dixerido, o Pontevedra CF ten este domingo unha nova final na que se enfrontará no Estadio Municipal de Pasarón 17:00 horas á Balompédica Linense  

Antonio Fernández, no partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor
Antonio Fernández, no partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor / Mosrey Fotografía

Con todos os xogadores dispoñibles e co empate de Riazor xa dixerido, o Pontevedra CF ten este domingo unha nova final na que se enfrontará no Estadio Municipal de Pasarón 17:00 horas á Balompédica Linense.

Para o adestrador granate, Antonio Fernández,o rival "vai esixir estar ao noso mellor nivel", por iso "temos que enfocar cada partido como unha final, preparalo o mellor posible durante a semana e que os xogadores cheguen en estado óptimo", asegurou na rolda de prensa previa ao envite. 

De feito, para Antonio, a Balompédica está a competir ben fóra de casa, é un "rival da categoría, o 80% dos xogadores que manexa son do ano pasado aínda que ten incorporacións novas" que son "xente experta para a categoría que nos vai a poñer as cousas complicadas".

Pero independentemente do opoñente, o técnico considera que "temos que fixarnos en nós, en dar o noso mellor nivel, poñerllo difícil a calquera equipo", aínda que considera que, o obxectivo do domingo será "minimizar as fortalezas do rival, moi perigoso de medio campo para arriba con xogadores moi interesantes e desequilibrantes e unha unidade defensiva experta que sabe o que se trae entre mans".

Ademais, para Antonio Fernández o feito de xogar en casa é importante e asegura que "temos que ser moi fortes no noso Pasarón", igual que ocorre con "todos os partidos que xogamos en casa".

Hai que "tentar que non esperten e ser nós os que sigamos con boas sensacións", aproveitando "a semana boa de adestramentos" que tivo o equipo así "o domingo demostralo e facer un partido serio que nos leve a estar preto da vitoria". A clave é que "crer no modelo que temos, no plan de partido que se propón e acertar no 11 para que salga á perfección".

En todo caso Antonio cre que o Pontevedra aínda ten "marxe de mellora", o seu equipo "manexa moi ben as áreas, é rochoso e cando ten que xogar, xoga. Están a verse cousas moi positivas pero non podemos quedarnos con iso", asegura.

Pero se algo bo está a ter o conxunto granate é que as sensacións son as que son, "pódense mellorar as cousas", iso si, pero o equipo sabe o que fai e o técnico entende que, "cando un equipo teña máis facetas controladas vai ser menos previsible e máis difícil de contrarrestar para o rival".

CHAMAMENTO Á AFECCIÓN

Tras o visto en Coruña a pasada fin de semana, onde un numeroso grupo de afeccionados granates acudiu para ver ao seu Pontevedra ante o Deportivo, Antonio Fernández fai un chamamento: "o apoio da afección é vital".

Por iso, para conseguir os tres puntos este domingo, o adestrador asegura que "será fundamental o apoio da xente. Oxalá podamos ver en Pasarón tres ou catro mil persoas, o equipo merécello e se queren ver un Pontevedra de media táboa cara arriba teñen que apoiarnos. Teñen que sentirse identificados co que temos".