O Pontevedra Club de Fútbol prepárase para afrontar dous encontros a domicilio de maneira consecutiva, coa visita primeiro ao Mérida (sábado 1 de outubro, 17.00 horas) e ao Linares despois, coa intención de conseguir o seu primeiro triunfi lonxe de Pasarón.
"O equipo quere gañar, de sumar de tres, pero o rival xoga", defendeu este xoves en rolda de prensa Antonio Fernández.
O técnico analizou o duelo que lles espera aos granates no Estadio Romano 'José Fouto', praza que non pisaron nunca en toda a súa historia, fronte a un Mérida que acumula só dous puntos (empates ante Linense e Unionistas) aínda que cun partido menos.
"Temos que saber a que campo imos, a que equipo imos enfrontar e que necesitamos para gañar. Imos atopar a un equipo que é moi solidario no esforzo, que despois ten moita velocidade, ten xogadores por fóra e na parte de arriba que son diferenciais", analiza Antonio, que a pasada campaña co San Roque saíu vencedor da súa visita a Mérida na Segunda RFEF.
Con todo esta é outra historia, porque o cadro estremeño "sumou xogadores que lle dan un salto de calidade. Ficharon a Kamal do Cacereño que ten moitísimo traballo, Larrubia por fóra que é un xogador diferencial, Copete que é un futbolista que ten moito gol e que se complementa ben co outro dianteiro, con Lolo Pla. A nivel defensivo é un equipo moi serio, en bloque baixo defende moi ben a área e é un equipo que ten argumentos suficientes para gañarlle a calquera. Se imos alí pensando que vai ser fácil ímonos equivocar", defende o adestrador dos da Boa Vila.
Con todos estes datos na cabeza para Antonio Fernández a receita para conseguir gañar pasa por "ser nós, seguir sendo ese equipo que ten o balón, que quere ser protagonista, que non lle queima a responsabilidade de ter a pelota e despois que as ocasións que creamos, que sempre creamos catro ou cinco claras, que teñamos o acerto que necesitamos".
Iso e deixar a prtería a cero, algo que os granates xa lograron en dúas ocasións esta tempada.