Un dos xogadores aos que o Pontevedra ofrecera renovar aclarou o seu futuro. Trátase do porteiro Anxo Pérez, que optou por rexeitar a oferta granate e emprendeu camiño cara o norte de Galicia.
O meta de 22 anos fichou pola Sociedad Deportiva Compostela, equipo que esta tempada quedou a un paso de regresar á Segunda División B.
Anxo chega a San Lázaro por un ano, con opción a un segundo. No seu novo destino deportivo, o xogador tratará de ter máis opcións de xogar que en Pasarón.
Durante a súa tempada no Pontevedra, onde chegou procedente do Deportivo B, tan só xogou un único partido de liga, fronte o San Sebastián de los Reyes.
Pola contra, foi o porteiro titular no choque de Copa do Rei fronte á Gimnástica Segoviana e en toda a Copa Federación, título que gañou o club granate con el baixo os paus.
"Estou moi contento e con moitas ganas de empezar xa a tempada, competir e facer un bo ano", sinalou Anxo durante a súa presentación como xogador do Compostela.