Derrota do Club Cisne Balonmán no seu penúltimo partido da primeira fase da liga na División de Honra Prata, o último dos aprazados no seu día pola covid, nun duelo que lle medía a domicilio contra o segundo clasificado, o Balonmano Guadalajara.
Tras varios choques ante rivais da zona baixa que, previsiblemente, non terán validez na pelexa polo ascenso, os puntos en xogo na localidade castelán-manchega si valían dobre, e ambos os dous equipos saltaron á pista conscientes diso.
As imprecisións marcaron un inicio de partido no que os locais empezaron dominando pola mínima. Ao Cisne custáballe conseguir accións claras de lanzamento e nin cunha dobre exclusión no Guadalajara conseguían coller vantaxe (3-3).
Aos poucos, apoiados na primeira liña e en especial nun Álex Chan moi acertado no primeiro acto, os brancos foron entoándose e cumprido o minuto 10 tomaron por primeira vez a dianteira (4-5) cun tanto do central.
A tendencia cambiaba e o técnico local paraba o choque (5-7), aínda que a brecha chegaba ata os tres goles de distancia (7-10). A pesar de dominar, o líder non conseguía con todo romper o partido e seguía fallando algunha opción clara para ampliar a súa renda, o que facía que ao descanso esa vantaxe se reducise a dous(13-15).
Os erros en ataque volveron producirse na continuación, co cadro cisneísta fallando cinco dos seus seis primeiros intentos posibilitando unha rápida reacción do Guadalajara para volver poñerse por diante no marcador (17-16), provocando o tempo morto de Jabato para parar a tendencia.
A defensa tampouco impoñía e a portería non contribuía, botando en falta ao lesionado Jorge Villamarín, e os pontevedreses entraron nun perigoso bucle no que nin os lanzamentos de sete metros convertíanse en gol, facilitando a máxima do choque para o cadro castelán (21-17) pechando un demoledor parcial de 8-2 nos primeiros minutos do segundo acto.
O Guadalajara críallo e mantiña rendas, aínda que os de Jabato non dixeran a súa última palabra. Nun arrebato pasaron do 24-20 ao 24-24 comandados por Carlos Álvarez desde o extremo, tras a mellor fase defensiva do encontro. Parecía que o líder volvera, pero non foi capaz de culminar a súa remontada e os locais recuperaron tres goles de renda (27-24) a cinco minutos do final.
Era pouco tempo, e aínda que o Cisne seguiuno tentando, os puntos terminaban voando (31-29), uns puntos que non lle quitarán o liderado pero que lle farán chegar con menos marxe á segunda fase da liga na que ambos os dous equipos pelexarán polo ascenso de categoría.