Ao Mapfre séguenlle saíndo as contas para pelexar pola vitoria na Volvo Ocean Race

Sanxenxo
04 de abril 2018

A vitoria do Team Brunel na sétima etapa, na que o desafío español chegará previsiblemente en quinto lugar, situaralles a só un punto do liderado da clasificación xeral

O Mapfre, navegando con pouco vento na sétima etapa da Volvo Ocean Race
O Mapfre, navegando con pouco vento na sétima etapa da Volvo Ocean Race / Ugo Fonolla / Volvo Ocean Race

A sétima etapa da Volvo Ocean Race, con 7.600 millas de percorrido entre Auckland e Itajaí (Brasil) estase a converter nunha odisea para o Mapfre, pero nin con esas o desafío español perde a esperanza de pelexar polo triunfo final na prestixiosa regata oceánica.

Mentres que a embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo, na que viaxa a pontevedresa Támara Echegoyen, atópase atrapada baixo a influencia dun anticiclón que lle fai navegar con pouca intensidade de vento e aínda a case 700 millas da chegada, a etapa decidiuse por diante nunha emocionante chegada en favor do Team Brunel.

Esa vitoria do equipo holandés, por diante do Dongfeng chinés, fai que ao Mapfre síganlle saíndo as contas despois dunha etapa na que unha avaría fíxolle perder posicións e ter que realizar unha parada técnica en terra. As contas saen porque coa previsible quinta posición do desafío español, aínda que perderían o liderado da xeral en favor da tripulación chinesa, quedarían a só un punto do que ata o momento foi o seu principal rival.

"Se gañase quedaría con catro puntos de vantaxe. Creo que é importante para nós seguir estando na pelexa a só un punto. Estamos a vivir un pouco da vantaxe que conseguimos ao principio para aínda estar na pelexa cos problemas que estamos a ter. É obvio que agora xa non hai máis marxe e temos que volver navegar un pouquiño mellor", recoñece o patrón do Mapfre, Xabi Fernández.

Polo momento todo apunta a que o barco español cruzará a liña de meta en Itajaí ao longo da madrugada do sábado para o domingo. Segundo o reporte das 15:00 horas deste mércores seguen quintos a unhas 160 millas de Turn The Tide on Plastic, sen posibilidade de perder posición pola retirada nesta etapa de dos dos participantes da Volta ao Mundo a Vela. Mentres tanto o Team AkzoNobel navega en terceira posición a piques de encarar as súas últimas 100 millas de percorrido.