Ao Pontevedra non lle dá medo Riazor

Pontevedra
05 de marzo 2021

O adestrador do cadro granate está confiado nas posibilidades de conseguir a vitoria contra o Deportivo se os futbolistas aplican a fórmula secreta traballada en  Pasarón esta semana

Luisito, no partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela
Luisito, no partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela / Cristina Saiz

O Pontevedra xógase o domingo o seu futuro nun escenario no que se levantou un título de liga e no que fincaron a xeonllo clubs da talla do Milan, Manchester United, Real Madrid ou PSG. Pero aos granates iso non lles asusta. "Vou super tranquilo a xogar contra o Deportivo. Téñolle un respecto enorme, pero medo cero. Son unha institución enorme, pero nós tamén o somos", advirte Luisito, sen ningún ápice de sentimento de inferioridade pola historia do seu rival.

O técnico de Teo está convencido de que os seus xogadores teñen todo o necesario para levar o botín de Riazor. "Non concibo outra cousa que non sexa gañar", di o preparador seguro de que se os seus cumpren o guion poderán conseguir a vitoria. "Só penso en como facer dano ao Deportivo e que non nolo fagan a nós. E se nos sae o que adestramos imos facer un moi bo partido", remarca.

Aínda que ten as ideas claras, Luisito non quixo dar pistas sobre que Pontevedra saltará ao estadio coruñés. "Dependendo do rival pódenos interesar máis ter a posesión ou non", declarou descartando de forma categórica que o seu equipo vaia a saír ao campo para encerrarse atrás. Visualiza o técnico un duelo moi dinámico, con moito ritmo e con opcións para ambos os conxuntos. "Vai ser un toma e daca", avanza coa crenza de que o Pontevedra sairá vitorioso dese intercambio de golpes. 

O triunfo dependerá do acerto, faceta na que o Pontevedra leva tres xornadas desatinado. "Non creo que haxa equipos que xerasen tantas ocasións como nós nestes tres partidos. Hai que seguir insistindo", afirma o adestrador, quen advirte da calidade de todo o plantel herculino pero en especial da capacidade defensiva de Mujaid, ao que cualificou como "o mellor central de España nesta categoría".

Rematou a súa charla motivacional Luisito apelando aos xogadores. "Estes son partidos para futbolistas de verdade. Hai que gozar, se salgues a sufrir é o primeiro fracaso", concluíu Luisito.