A xornada 25 de Primeira División deixounos un emocionante encontro entre o Automanía Luceros e o Lirón Teucro. O equipo pontevedrés mandou no marcador gran parte do encontro cunha vantaxe que chegou a ser de sete goles na segunda metade. Con todo, un mal tramo final permitiu ao equipo cangués empatar o partido desde os sete metros sobre a bucina (26-26).
Iago Rivas abriu o marcador para o Teucro, que xogou coa súa indumentaria vermella e menos habitual, tras unha boa defensa inicial. Caue Herrera aproveitou outra perda en ataque do Luceros para facer o segundo do partido.
A solidez defensiva dos de Sergio Carballeira permitiulles ampliar a parcial inicial até poñerse 0-4 no minuto tres. O banco cangués pediu tempo morto para frear o gran inicio do conxunto teucrista.
Agustín Labartete fixo o quinto tras a reanudación e finalmente apareceu Christian Ferradas para romper a seqúia do filial do BM Cangas (1-5). Con todo, un acertado Pablo González en portaría foi clave para que o conxunto pontevedrés mantivese a súa cómoda renda.
Aínda que dous tantos consecutivos de Martín Fuentes puxo ao Luceros tres goles abaixo, o acerto en ataque xunto a unha marcada solidez defensiva permitiu ao equipo pontevedrés superar o primeiro cuarto de hora cunha importante renda no marcador (6-11).
Lonxe de baixar o ritmo, os de Sergio Carballeira mantiveron un alto nivel en defensa que os levou a aumentar máis aínda a súa vantaxe nos minutos finais do primeiro tempo. A renda xa era de sete goles a cinco do ecuador (7-14).
Un parcial de 2-0 para os locais (9-15) ao bordo do descanso foi motivo suficiente para que o técnico pontevedrés solicitara o seu primeiro tempo morto do encontro. A pausa serviu para axustar de novo a defensa e terminar a primeira parte cun resultado de 9-16 grazas ao gol de Iago Vidal.
Non cambiou o guión do encontro nos primeiros instantes da segunda metade. A alta intensidade defensiva do Teucro propiciou a exclusión de Caue Herrera no minuto 33, pero os azuis non tiveron problema para atopar a Iago Vidal no pivote para manter o ritmo anotador aínda en inferioridade numérica (12-18) .
Pablo González tamén mantivo un gran protagonismo con novas intervencións de mérito para soster o seu equipo no marcador. A súa éxtase chegou no minuto 36 ao sacar un pé providencial para frustrar o contragolpe do conxunto cangués.
Malia as intervencións do meta e o gol de Labartete, o Luceros ameazou cun parcial de 3-0 que reduciu considerablemente a distancia no marcador (15-19). Iago Vidal detivo o vendaval cun gol que foi respondido por Martín Fuentes. Co encontro 16-20 solicitou tempo morto Sergio Carballeira.
A dinámica ascendente do filial do BM Cangas non se detivo e Martín Fuentes puxo o seu equipo tres goles abaixo desde os sete metros no minuto 31 (17-20).
O conxunto pontevedrés non caeu no nerviosismo e disputou de igual a igual uns minutos de alternativas que serviu para manter unha renda que chegou a ser de ata cinco tantos (20-25)
Labartete viu a exclusión cando o partido se encamiñaba aos últimos dez minutos. O conxunto teucrista soubo atacar en inferioridade numérica e manter a distancia de catro goles que lle daban aos azuis unha rede de seguridade.
Xusto cando ambos os equipos volvían estar en igualdade, Pablo Giraldez viu os dous minutos e deixou o Luceros cun menos. Neste momento cobraron protagonismo ambos os porteiros cun penalti parado cada un de maneira consecutiva. Pediu entón tempo morto o banco local con 21-25 no marcador.
Neste momento chegou o peor tramo do encontro para os lerezanos, que sufriron un parcial de 2-0 para pór o equipo cangués dous goles abaixo, a menor diferenza no marcador no que ía de partido (23-25).
Andrés Pérez acougou as augas ao anotar o 23-26 desde o extremo e Pablo González detivo un penalti vital a Juan Rodríguez a tres minutos do final. Sergio Carballeira tratou de baixar as revolucións cun tempo morto a falta de dous minutos para a conclusión.
Non faltou emoción no final do encontro, pois o Luceros endosou un novo parcial de 2-0 en apenas medio minuto para pór o partido 25-26 a falta de 36 segundos. O Teucro, que tiña a posesión, cometeu unha falta en ataque que brindou aos locais a oportunidade de empatar o encontro.
A fortuna non acompañou ao cadro teucrista, que viu como o equipo cangués culminou unha espectacular remonta co gol de Martín Fuentes desde os sete metros a catro segundos do final. O encontro finalizou con 26-26, resultado amargo para unha Sociedade Deportiva Teucro que gobernou no marcador durante gran parte do partido.
Podes consultar a acta neste enlace.