Apagamento na cima e segunda derrota consecutiva do Teucro (33-25)

Pontevedra
25 de novembro 2023

A Sociedad Deportiva Teucro viuse superada este sábado polo Reconquista de Vigo nun partido no que a falta de eficacia e a defensa local marcaron a pauta. O equipo pontevedrés enlaza así a súa segunda derrota consecutiva e perde o liderado da clasificación  

Partido entre Teucro e OAR Coruña no Pavillón Municipal
Partido entre Teucro e OAR Coruña no Pavillón Municipal

A Sociedad Deportiva Teucro viuse superada este sábado polo Reconquista de Vigo nun partido no que a falta de eficacia e a defensa local marcaron a pauta. O equipo pontevedrés enlaza así a súa segunda derrota consecutiva e perde o liderado da clasificación.

Foi o cadro local o que empezou mellor o partido, cun 4-1 de inicio que sentaba como un xerro de auga fría aos xogadores de Irene Vilaboa.

E é que non houbo reacción nas filas dun Teucro que non conseguía atinar para portería nin tampouco reaccionar en defensa para evitar os goles do rival (8-4).

Á adestradora do vicedecano non lle gustaba o que vía e parou o tempo aos 10 minutos de xogo. Anotou Pintus o 8-5, pero o Reconquista respondeu cun demoledor 3-0 que complicaba as cousas ao seu rival, que estivera máis de catro minutos sen ver portería (11-5)

O Teucro mantivo a mala tendencia a pesar de gastar o seu segundo tempo morto a falta de 10 minutos para a conclusión (14-8), pero non estaba disposto a renderse e seguiu pelexando para, polo menos, chegar o máis vivo posible ao segundo tempo, lograndoirse ao descanso catro goles abaixo (16-12).

Reaccionaron os de Lérez aos cinco minutos da segunda parte en busca dunha remontada e meteu presión ao equipo vigués (18-16), polo menos durante un par de ataques. Foi un visto e non visto.

Os locais volveron meter a directa e o Teucro tentou sobrevivir da mellor maneira, manténdose por baixo en tres ou catro goles que lle permitían seguir soñando cun posible triunfo.

Pero a pouco máis de 12 minutos para a conclusión chegou o apagamento. Iago Rivas e Anxo Fontán subiron o 27-22 e Irene Vilaboa pediu tempo morto para tentar reverter a situación.

Non o lograron os xogadores visitantes, que seguiron estrelándose contra o muro defensivo dun Reconquista que afrontou a recta final do encontro cunha cómoda vantaxe de cinco goles no marcador.

Remou ao contraxeito o Teucro, incapaz de obrar a remontada, e terminou caendo por 33-25, sumando a súa segunda derrota consecutiva e terceira no que vai de liga, perdendo así a primeira praza da clasificación.

Con este resultado, o cadro pontevedrés descende á segunda praza con 16 puntos, empatado co Reconquista de Vigo e o Lanzarote, terceiro e cuarto, respectivamente.

Consulta as estatísticas nesta ligazón