Apelación devólvelle os seis puntos ao Racing, que pasa a estar a un do Pontevedra

Pontevedra
27 de novembro 2015

O cadro cántabro pasa a ter 22 puntos na clasificación do Grupo I de Segunda División B, empatado no sexto posto co Lealtad e a un só punto do Pontevedra, que pecha a fase de ascenso

Partido entre Real Racing Club e Pontevedra en El Sardinero
Partido entre Real Racing Club e Pontevedra en El Sardinero / Pablo Lanza / www.contrameta.com

Novo cambio na clasificación do Grupo I da Segunda B a golpe de despacho. Apenas unha semana despois de que o Comité de Competición sancionase ao Real Racing coa perda de seis puntos, Apelación deu a razón ao club cántabro.

Desta forma o Racing recupera os puntos perdidos e pasa a ter 22, empatando co Lealtad na sexta praza e a só un punto do Pontevedra, que pecha a zona de play-off de ascenso.

O Comité de Apelación da Real Federación Española de Fútbol resolveu de forma cautelar anular a sanción de Competición tras aceptar a FIFA os argumentos dos santanderinos.

A pesar de sinalar o cautelar da resolución, o caso non volverá influír na presente liga. Úsase porque a débeda co Panahinaikos grego que motivou a sanción mantense, pero está suxeita ao concurso de acredores que atravesa o club e non poderá ser reclamada ata que este finalice.

PARTIDO DE COPA FEDERACIÓN

Mentres, o Pontevedra atópase inmerso na preparación do partido ligueiro do sábado en Vigo, o club granate confirmou o horario do choque ante o Marino de Luanco da próxima semana correspondente á Copa Federación.

O encontro de ida da eliminatoria xogarase o xoves 3 de decembro ás 20:30 horas no Estadio Municipal de Pasarón, con entradas para o público a un prezo de 12 euros en Tribuna, 8 euros e Preferencia e 5 nos fondos.