Apoio do Pontevedra á campaña de mecenado para a investigación sobre a biopsia líquida

Pontevedra
28 de febreiro 2017

Os clubs de fútbol das sete grandes cidades galegas uníronse para impulsar entre os seus afeccionados a campaña de recadación de fondos posta en marcha polo grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela

Roberto Feáns (segundo pola esquerda) na presentación do apoio do fútbol galego á campaña sobre a biopsia líquida
Roberto Feáns (segundo pola esquerda) na presentación do apoio do fútbol galego á campaña sobre a biopsia líquida / Oncomet

Os clubs de fútbol das sete grandes cidades galegas, entre eles o Pontevedra Club de Fútbol, uníronse para apoiar na medida das súas posibilidades a campaña de micromecenado para a investigación sobre a biopsia líquida, posto en marcha polo grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet).

Ademais do Pontevedra, RC Celta de Vigo, RC Deportivo, Racing Club de Ferrol, CD Lugo, Ourense CF e SD Compostela tentarán involucrar aos seus afeccionados. 

Farano dando a coñecer a campaña a través das redes sociais e saltarán ao campo no seu próximo partido como local con camisetas de apoio a esta campaña. Neses encontros repartirán información aos seus seguidores.

No caso do Pontevedra, a campaña de captación de fondos para a investigación sobre a biopsia líquida estará presente no Estadio Municipal de Pasarón o domingo 12 de marzo, coindiciendo coa visita á cidade de Lérez do Real Valladolid B.

Por outra banda cada un dos equipos doou unha camiseta asinada por todos os futbolistas do plantel que será sorteada entre os doantes que participasen na campaña.

O apoio dos clubs galegos deuse a coñecer en acto celebrado en Santiago de Compostela ao que acudiu Roberto Feáns, responsable da dirección deportiva do Pontevedra, como representante do club granate.

Oncomet, que xa logrou a participación de preto de 5.000 doantes na campaña recadando ata a data máis de 180.000 euros, aspira a chegar ata o fin da campaña a preto de medio millón de euros para poder desenvolver unha técnica de loita contra o cancer, a biopsia líquida, que permitiría a través dunha simple análise de sangue e en só 24 horas coñecer o estado dun tumor adiantando o diagnóstico e mellorando o tratamento da enfermidade.

As doazóns poden realizarse a través da web www.oncomet.es, chamando ao 981 955 344, enviando un SMS ou cun ingreso directo na conta corrente ES68 2080 0300 8730 4556 7736.