Apoio municipal para o Leis antes da batalla polo ascenso

Pontevedra
18 de xullo 2020

O conxunto pontevedrés recibiu este venres os ánimos do alcalde e o concelleiro de Deportes antes de poñer rumbo a Benavente para participar na fase de ascenso á Segunda División de fútbol sala

Recepción municipal ao Leis Pontevedra previa á fase de ascenso a Segunda División
Recepción municipal ao Leis Pontevedra previa á fase de ascenso a Segunda División / Mónica Patxot

Chega o momento da verdade para o Leis Pontevedra, que despois de semanas de preparación disputará este sábado o seu primeiro partido na fase de ascenso á Segunda División de fútbol sala.

O conxunto pontevedrés desprázase a Benavente, onde se medirá co Albense (20.00 horas) por un posto na seguinte eliminatoria, prevista para o 22 de xullo á mesma hora fronte ao anfitrión Benavente.

Antes de poñer rumbo á localidade castelá, o conxunto pontevedrés recibiu os ánimos do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, nunha recepción celebrada no Teatro Principal.

"O feito de ter quedado segundos e de ter a posibilidade de loitar polo ascenso nunha tempada tan atípica é un mérito", sinalou o edil de deportes, mentres que o rexedor destacou o labor dun club no que "están facendo un traballo excelente con contención do gasto e aproveitamento da canteira".

Sergio García pola súa banda, director deportivo do Leis, quixo agradecer a implicación e axuda do persoal do  Servizo Municipal de Deportes que "han hecho posible que pudiésemos llevar a cabo los entrenamientos en una situación francamente complicada", durante el último mes e medio.

Plantel e corpo técnico aínda tiñan unha cita máis, imprescindible antes da saída da expedición, e é que a última hora da tarde achegáronse ata a sede da Real Federación Galega de Fútbol para someterse a unha segunda rolda de probas de detección de coronavirus, tal e como marca o protocolo elaborado para o regreso da competición.

No caso de vencer o Albense e facer o propio o día 22 contra o Bevanevente, o Leis aínda debería facer fronte a unha terceira e decisiva eliminatoria para subir de categoría.