Aposta táctica do Mapfre na etapa 9 da Volvo Ocean Race

Sanxenxo
23 de maio 2018

Despois de tres xornadas de navegación dunha nova etapa, a tripulación do Real Club Náutico de Sanxenxo caeu ás últimas posicións da frota ao apostar por ir máis cara ao norte, aínda que espera que esta aposta dos seus froitos nos próximos días

Támara Echegoyen durante a etapa 9 da Volvo Ocean Race
Támara Echegoyen durante a etapa 9 da Volvo Ocean Race / Ugo Fonolla / Volvo Ocean Race

Coa clasificación xeral da Volvo Ocean Race nun puño, o Mapfre quere consolidar a súa posición de privilexio cun bo resultado na última etapa, a 9, que contará con dobre puntuación.

Con todo a novena etapa, tras varias xornadas de navegación, obrigou a tomar unha importante decisión que dividiu en dous á frota.

A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo viuse relegada ás últimas posicións provisionais, xunto ao seu principal rival na xeral, o Dongfeng, e o Team Sun Hung Kai Scallywag . Eles son os únicos que apostaron por ir máis ao norte, nun camiño máis directo cara a Cardiff (Gales), mentres que o resto dos seus rivais deron un rodeo para coller a cola dunha borrasca gañando lixeira vantaxe.

Esta situación, esperan desde o desafío español que de resultados nas próximas horas cos cambios de vento previsto.

"Houbo unha gran división nestas últimas 24 horas de etapa. Pasamos de vernos uns a outros a unhas cantas millas de distancia a estar onde estamos agora. Aínda queda moito, pero veremos que pasa nesta transición e no novo vento que vén despois”, afirma o neozelandés Blair  Tuke.

Á primeira hora deste mércores 23 de maio o Mapfre navegaba na sexta posición provisional a máis de 60 millas do Team Brunel, pero era o barco con máis velocidade.

Os participantes cubriron aproximadamente un terzo do percorrido desta etapa, entre Newport e Cardiff, de 3.300 millas náuticas de distancia.