Aprazado o partido entre Teucro e Sant Martí Adrianenc por 7 posibles positivos en COVID no equipo catalán

Pontevedra
08 de outubro 2020

O encontro, correspondente á terceira xornada de liga na División de Honra Prata de balonmán, debía celebrarse este sábado 10 de outubro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra

Partido entre o Teucro e o Burgos no Pavillón Municipal de Pontevedra Mónica Patxot

O coronavirus volve afectar a un dos equipos pontevedreses que puideron iniciar xa a tempada, neste caso a Sociedad Deportiva Teucro.

Fíxoo de maneira indirecta, co aprazamento do encontro correspondente á terceira xornada de competición da División de Honra Prata que debía enfrontarlle este sábado 10 de outubro ao Sant Martí Adrianenc no Pavillón Municipal dos Deportes.

O motivo da suspensión, segundo confirmou o conxunto pontevedrés, son "varios posibles contaxios do equipo visitante". Esta situación, ante o risco que supoñía para o resto de xogadores, levou a tomar a decisión.

En concreto trátase de sete posibles casos positivos de coronavirus, que deben agora someterse a PCR. Ademais o equipo catalán debe pasar o preceptivo período de confinamento.

 

"Agradecemos a precaución do club Adrianenc e desexámoslles unha pronta recuperación do plantel", sinalou o Teucro a través das súas redes sociais.

Trátase do primeiro encontro que se suspende esta campaña na División de Honra Prata. Non así en Asobal, onde xa foron aprazadas dúas xornadas ao completo e tamén partidos a nivel particular.