Tres accidentes de circulación rexistrados nas últimas horas na comarca do Salnés saldáronse con tres motoristas feridos de diversa consideración.
O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados interveu nun sinistro viario ocorrido na estrada EP-9305, no municipio de Ribadumia, concretamente na contorna onde se desenvolvía a concentración de motocicletas. Neste operativo participou de forma conxunta o persoal de Protección Civil de Ribadumia co servizo de Emerxencias de Cambados.
Con anterioridade, os mesmos efectivos de Cambados desprazáranse ata a avenida de Vilariño, no propio núcleo urbano cambadés, para atender outro accidente de tráfico.
O condutor da motocicleta implicada, identificado coas iniciais M. L., tivo que ser trasladado nunha ambulancia do servizo 061 ao Hospital do Salnés tras presentar dor cervical, un traumatismo na mandíbula e outro no ombreiro. Axentes da Garda Civil de Tráfico tamén acudiron ao lugar para regular a circulación e levantar o atestado.

O terceiro incidente tivo lugar na vía rápida, onde un motorista sufriu unha caída sen que se visen implicados outros vehículos na calzada. O condutor, S. C. R., de 36 anos e veciño do municipio de Portas, foi atendido por queimaduras por impacto nas costas e en ambos os brazos.
As incidencias coincidiron este sábado coa celebración da XIV Concentración Moteira en Ribadumia, un evento que volveu ser un éxito de participación e que estivo organizado polo colectivo Trasnos do Salnés Motoclub.
A concentración incrementou a circulación deste tipo de vehículos en toda a zona durante as xornadas do venres e do sábado.