O Arenas de Getxo, un partido que no Pontevedra "marcamos tamén en vermello"

Pontevedra
12 de decembro 2025

O adestrador dos granates, Rubén Domínguez, incide na importancia do choque do próximo domingo (18.15 horas) en Pasarón ante un rival directo. Garay segue a ser baixa por lesión

Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra CF e Zamora en Pasarón Cristina Saiz

Partido importante para o Pontevedra Club de Fútbol este domingo 14 de decembro (18.15 horas) en Pasarón fronte a un rival directo pola permanencia, o Arenas de Gexto.

"Marcámolo tamén en vermello como o día de Guadalajara", recoñece Rubén Domínguez antes de medirse a un equipo co que empatan a 21 puntos na clasificación pero que baseou até a data a súa fortaleza nos encontros como local.

"É un rival directo ao que podemos deixar en tres puntos, e logo o corte que podes meter porque ao final hai moito equipo por medio e se podemos deixar a tres partidos o corte da salvación daría moita moral meterse con 24 puntos na xornada 16, é a metade dos puntos", xustifica o técnico granate.

Un Rubén Domínguez que seguirá sen poder contar para a cita con Benjamín Garay, do que confía "a ver se pode chegar a Barakaldo". Pola súa banda "Marqueta está, pero durante a semana varios xogadores tiveron un proceso vírico e un deles foi el", revelou Domínguez na rolda de prensa previa ao choque.

No que respecta ao opoñente, o Arenas de Getxo, "é un equipo que si que é certo que fixo 17 os 21 puntos no seu terreo de xogo, pero foi crecendo moito durante a liga e nas últimas semanas, de feito nas súas dúas últimas saídas en Avilés fai moi bo partido e gañan en Ponferrada", avisa.

"É un equipo que é moi presionante, vertical, que nos vai a pór as cousas difíciles", asegura Rubén.

Será un partido ademais que suporá, por fin, o regreso do fútbol a Pasarón en horario vespertino de domingo.

"Intúo que os domingos é o día por excelencia de Pontevedra e esperemos que a entrada estea máis preto de Tenerife ou do día de Eibar", sinala o técnico aínda que agradecido "con toda a xente que nos vén a ver, porque ao final máis vale 2.000 implicados que 4.000 que veñan pasar a tarde".

O que non quixo abordar aínda o preparador granate é o debate sobre o próximo mercado de inverno, ao que o Pontevedra necesita acudir para reforzar un plantel que quedou xusto de efectivos.

"As miñas fillas fixeron carta aos Reis e creo que pediron algo, pero non é o momento. Agora mesmo estamos centrados en Arenas e despois en Barakaldo, e logo no parón é aí onde temos que sentarnos a falar do que hai que facer", avanzou o máximo responsable do banco pontevedrés.