Arlet Ortiz pon rumbo a Bulgaria co Europeo Sub-21 en mente

Marín
05 de abril 2017

A taekwondista do Mat's de Marín, de só 15 anos de idade, será a única deportista galega na cita tras dar a gran sorpresa vencendo no recente Campionato de España da categoría

Arlet Ortiz
Arlet Ortiz

Ten só 15 anos pero destapouse como unha das grandes promesas do taekwondo galego e nacional. O seu triunfo contra prognóstico no Campionato de España Sub-21 permítelle agora pensar en obxectivos máis ambiciosos a pesar da súa curta idade, como o Campionato de Europa da categoría.

Arlet Ortiz puxo este martes rumbo á capital búlgara, Sofía, xunto aos seus compañeiros na Selección Española para participar nun Europeo no que será a única representante galega.

A taekwondista do Mat's de Marín, aínda que non renuncia a nada, ten moi claro que acode a Bulgaria "a pasalo ben. É o meu primeiro ano nesta categoría e non teño ningún tipo de presión", recoñeceu en declaracións á Federación Galega de Taekwondo.

Arlet chega en boas condicións ao Europeo pero aínda recuperándose do esforzo realizado no Open de España, no que tamén conseguiu a medalla de ouro na categoría junior.

A deportista marinense, que competirá este venres 7 de abril na categoría de -53 quilos, terá a opción de baterse con rivais de alto nivel e experiencia como a serbia Tijana Bogdanovic, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro e gran candidata ao título, ao estar situada no segundo posto do ránking internacional absoluto.