Arosa e Concello de Vilagarcía cítanse para o martes 13

O Salnés
09 de outubro 2015

O goberno local deféndese das acusacións do club asegurando que pode presentarse ao concurso para explotar a cafetería do Manuel Jiménez "en igualdade de oportunidades cos demais clubs" e que a negativa á publicidade da Lomba produciuse porque a súa intalación "danaría os sistemas de rego e drenaxe do campo"  

Alberto Varela, acompañado dos integrantes do novo goberno municipal de Vilagarcía
Alberto Varela, acompañado dos integrantes do novo goberno municipal de Vilagarcía /

O Concello de Vilagarcía saíu ao paso das acusacións do Arosa en relación á explotación da cantina do Manuel Jiménez e a publicidade do campo da Lomba.

Segundo o goberno local, a negativa á instalación dun anuncio do principal patrocinador do club na Lomba débese única e exclusivamente "por razóns de seguridade e de conservación das instalacións deportivas, posto que pretendían facelo introducindo no campo un guindastre que, con 13 toneladas de peso podería afundir e provocar graves dános nas tuberías dos sistemas de regadío e drenaxe do campo". Ademais aseguran que o club arlequinado "nin solicitara permiso ao Concello nin avisara previamente da súa intención".

En canto ao outro motivo de discordia, a cantina do Manuel Jiménez, o Concello mantense firme na decisión de sacar a concurso este servizo para que "opere de forma estable e dea servizo aos usuarios e público do Manuel Jiménez e do campo e pistas de Atletismo" pero invita á entidade presidida por Manuel Abalo a "presentarse ao concurso para explotar a cafetería en igualdade de oportunidades cos demais clubs que usan o complexo".

Pese ás discrepancias dende o Concello e a Fundación Municipal de Deportes reiteran a súa "total disposición a colaborar co Arosa en todo o posible e dentro do que a normativa establece".

Por ese motivo, e aceptando a petición do Arosa, ambas partes reuniranse o vindeiro martes 13 de outubro.