O Arosa apontoa o seu proxecto coa renovación de Adri Lombao e a cesión de Sindo

O Salnés
06 de xullo 2026

O dianteiro coruñés seguirá no conxunto arlequinado en Segunda Federación mentres que Sindo sairá cedido ao Céltiga para continuar co seu crecemento

Adrián Lombao, renovado co Arosa
Adrián Lombao, renovado co Arosa /

O Arosa SC mantén a súa aposta pola continuidade cunha nova renovación. Neste caso trátase de Adri Lombao, dianteiro coruñés de 21 anos que disputará a súa segunda tempada como xogador arlequinado.

Lombao chegou ao club o pasado verán procedente do Viveiro e afianzouse como un habitual nas rotacións. Case 2.000 minutos disputados e dous tantos lle consolidaron como unha peza importante no conxunto vilagarcián.

En relación ao salto de categoría, o propio xogador asegura que o Arosa é "o mellor sitio para seguir crecendo como futbolista".

E é que a nivel persoal espera "seguir crecendo como futbolista en todos os aspectos". Engade, ademais, que "desde que cheguei síntome moi querido pola afección e é un pracer poder seguir dando alegrías á xente de Vilagarcía".

O salto a Segunda Federación é complexo, pero o coruñés apunta que "hai que afrontar con ilusión para pelexar polos nosos obxectivos".

Outra das novidades na confección do plantel é a cesión de Sindo ao Céltiga. O centrocampista vilanovés, que se estreou como senior na pasada tempada tras pasar polas categorías inferiores do Arosa, buscará minutos e experiencia en Terceira Federación.

O propio xogador asegura que esta tempada na Lomba foi enormemente produtiva para o seu desenvolvemento como futbolista. Sindo fixo referencia ao corpo técnico ao explicar que "mellorei moitísimo como xogador ao seu lado".

Desde o club agradecen a colaboración do Céltiga para levar adiante esta cesión e esperan contar co seu regreso para a próxima tempada.