O Arosa SC mantén a súa aposta pola continuidade cunha nova renovación. Neste caso trátase de Adri Lombao, dianteiro coruñés de 21 anos que disputará a súa segunda tempada como xogador arlequinado.
Lombao chegou ao club o pasado verán procedente do Viveiro e afianzouse como un habitual nas rotacións. Case 2.000 minutos disputados e dous tantos lle consolidaron como unha peza importante no conxunto vilagarcián.
En relación ao salto de categoría, o propio xogador asegura que o Arosa é "o mellor sitio para seguir crecendo como futbolista".
E é que a nivel persoal espera "seguir crecendo como futbolista en todos os aspectos". Engade, ademais, que "desde que cheguei síntome moi querido pola afección e é un pracer poder seguir dando alegrías á xente de Vilagarcía".
O salto a Segunda Federación é complexo, pero o coruñés apunta que "hai que afrontar con ilusión para pelexar polos nosos obxectivos".
Outra das novidades na confección do plantel é a cesión de Sindo ao Céltiga. O centrocampista vilanovés, que se estreou como senior na pasada tempada tras pasar polas categorías inferiores do Arosa, buscará minutos e experiencia en Terceira Federación.
O propio xogador asegura que esta tempada na Lomba foi enormemente produtiva para o seu desenvolvemento como futbolista. Sindo fixo referencia ao corpo técnico ao explicar que "mellorei moitísimo como xogador ao seu lado".
Desde o club agradecen a colaboración do Céltiga para levar adiante esta cesión e esperan contar co seu regreso para a próxima tempada.