O Arosa 'múdase' por unha xornada ao Manuel Jiménez para tentar recuperar A Lomba

O Salnés
17 de febreiro 2025

O encontro da próxima xornada de Terceira RFEF entre Arosa e Betanzos xogarase o domingo 23 de febreiro no campo de fútbol Manuel Jiménez, de céspede artificial

Adestramento do Arosa no Manuel Jiménez
Adestramento do Arosa no Manuel Jiménez / Arosa SC

Acordo entre o Arosa e o Concello de Vilagarcía para cambiar de localización o seu próximo partido de liga en Terceira RFEF co obxectivo de tentar recuperar na medida do posible o terreo de xogo da Lomba, moi danado polas choivas das últimas semanas.

A medida busca "non comprometer o estado do céspede de aquí ao final da tempada", sinalan en senllos comunicados a entidade deportiva e a administración local.

Aproveitarase o descanso que recibirá o céspede para acometer "as tarefas de recuperación que por mor das malas condicións meteorolóxicas das últimas semanas foron imposibles de executar", afirma o Concello.

O partido afectado por esta medida é o encontro entre Arosa e Betanzos previsto para o vindeiro domingo 23 de febreiro.

Este compromiso pasará a disputarse no Manuel Jiménez, instalación tamén municipal pero dotada de superficie artificial.

"O goberno local agradece a boa disposición do Arosa, pero tamén do Atlético Arousana, que igualmente tivo que desprazar o seu partido deste domingo pasado e polo mesmo motivo: evitar que se siga deteriorando o estado de terreo de xogo e darlle descanso xunto con traballos de recuperación", explica o Concello de Vilagarcía.

Tras o choque contra o Betanzos o seguinte encontro na casa do Arosa está previsto para o domingo 9 de marzo, coa visita do Atlético Arteixo.

No seu comunicado o Concello defende tamén que o municipio conta coa posibilidade de dispor de instalacións alternativas como o Manuel Jiménez ou o Estadio Municipal de Vilaxoán "que están por riba do nivel de moitos dos terreos de xogo da Terceira RFEF".