Arousana e Umia empezan con bo pé a fase pola permanencia

O Salnés
28 de marzo 2021

Atlético Arousana e Umia empezaron con bo pé a fase pola permanencia en Primeira Nacional. O equipo de Vilagarcía remontou un 0-2 ante o Llanera e terminou vencendo por 4-2. Pola súa banda, as de Barrantes salvaron un empate no tempo de desconto fronte ao Sporting de Xixón B

Partido entre Umia CF e Sporting de Gijón B
Partido entre Umia CF e Sporting de Gijón B / Umia CF

Atlético Arousana e Umia empezaron con bo pé a fase pola permanencia en Primeira Nacional. O equipo de Vilagarcía remontou un 0-2 ante o Llanera e terminou vencendo por 4-2. Pola súa banda, as de Barrantes salvaron un empate no tempo de desconto fronte ao Sporting de Xixón B.

ATLÉTICO AROUSANA 4-2 UD LLANERA

Empezou da mellor maneira a fase pola permanencia o Arousana, que remontou un 0-2 ante o UD Llanera para finalmente facerse cunha valiosa vitoria por 4-2.

Comezou arriscando o equipo local, que saíu cunha defensa de tres xogadoras para presionar en área rival e causar perigo. Con todo, a mala sorte seguiu de parte das de amarelo, que gozaron das mellores ocasións durante o primeiro cuarto de hora pero sen ser capaces de abrir o marcador.

As que tiveron maior fortuna foron as de Asturias. Despois dunha boa xogada por banda, enviaron o balón entre liñas da defensa do Arousana desde onde coaron o balón pola escuadra da portería de Iria.

Seguiu acumuladno chegadas o equipo de Vilagarcía, con disparos de Adriana e Laura que buscaron o empate, pero foi o Llanera o que volveu golpear, colocando o 0-2 co que se chegou ao descanso.

O paso polos vestiarios sentou mellor ás xogadoras de Nando González, que coa entrada de Miri en banda esquerda deu un cambio ofensivo para converterse nun pesadelo para a lateral.  A extremo arousanista foi a encargada reducir distancias, igualar, e dar a volta ao marcador anotando un hat trick que deixou tocado ao Llanera.

Sentenciou Dini na recta final do encontro para dar a tranquilidade a un Arousana que mereceu a vitoria conseguida e que dá un extra de motivación para afrontar a fase pola permanencia.

UMIA CF 2-2 SPORTING DE XIXÓN B

Umia e Sporting de Xixón repartíronse os puntos no duelo disputado na tarde do domingo na Bouza.

Os primeiros minutos foron de tolos, con ambos os equipos tenteándose e procurando non cometer erros que decantasen o partido.

Adiantouse o Umia por mediación de Lidia, que sacou un centro que a gardameta asturiana meteu dentro da portería no seu intento de despexe por encima dos paus. 

O empate chegou tamén dun erro da portería. Esta vez, Sandra Moral sacou unha falta desde tres cuartos de campo e coouna por encima de House, que non puido facer nada para chegar.

Xa na segunda metade, o Umia seguiu fallando na súa definición, dando a vantaxe a un Sporting que deu a volta ao marcador aproveitando un roubo de balón no centro do campo de Sara, que cedeu a Inés para bater por baixo á gardameta ( min. 74).

Co partido en contra, as de Barrantes deron un paso adiante, pechando ao seu rival no seu propio campo para impedir o gol do empate. Tentárono por todos os medios e fallaron xogadas claras, pero aínda así foron capaces de devolver as táboas ao marcador. Primeiro Nati tentouno cun disparo cruzado, pero a porteira do Xixón sacou a man e deixou o esférico aos pés de Lida, que non dubidou e enviou o balón á rede co que conseguiu o empate para o Umia.