Arruabarrena, "a día de hoy" descartado para San Sebastían de los Reyes

Pontevedra
14 de novembro 2018

O dianteiro granate segue sen adestrarse a pleno rendemento e a súa presenza na próxima xornada de liga é pouco  problable. Pola contra Churre completou este mércores a súa primeira sesión completa ao mesmo ritmo que os seus compañeiros

Mikel Arruabarrena adestrando co Pontevedra
Mikel Arruabarrena adestrando co Pontevedra / PontevedraViva

O campo de fútbol de Chan do Monte, en  Cerponzóns, foi o escenario escollido polo Pontevedra este mércores para retomar os adestramentos tras a xornada de descanso, unha sesión na que a atención estaba centrada en coñecer as sensacións dos futbolistas que arrastran problemas físicos.

Nesa particular lista as peores noticias ofreceunas Mikel Arruabarrena, que non se exercitou co grupo ao persistir as molestias no seu xemelgo, onde sufriu unha microrrotura muscular no choque de Guijuelo. Tanto é así que a preguntas dos xornalistas Luismi recoñeceu que "a día de hoy" o dianteiro está practicamente descartado para a próxima xornada de liga, o domingo en San Sebastián de los Reyes.

Tampouco se exercitou a pleno rendemento Nacho López, aínda que no seu caso "preferimos que hoy no entrenase por precaución", sinalou o técnico, que confía en recuperar ao lateral ao longo da semana.

Pibe, ademais do lesionado Álex Fernández, completou as ausencias afectado dunha gastroenterite.

A boa noticia para o Pontevedra volveuna protagonizar Churre, ao completar a súa primeira sesión de traballo ao mesmo ritmo que os seus compañeiros, e aínda que aínda non se atopa recuperado ao 100% da luxación de cóbado que sufriu ante o Salamanca xa pensa na súa volta ao equipo.

O primeiro plantel granate seguirá a ritmo de adestramento diario ata o vindeiro sábado, cando está previsto que se desprace a Madrid.