Arruabarrena, a menor ritmo no seu primeiro día como granate

Pontevedra
14 de agosto 2018

O futbolista, que sae dunha lesión muscular, exercitouse este martes por primeira vez xunto aos seus novos compañeiros no adestramento celebrado en Poio, pero fíxoo fóra do grupo por precaución. A pesar de todo, Luismi non descarta que teña minutos no amigable do próximo xoves en Betanzos

Mikel Arruabarrena, no seu primeiro adestramento co Pontevedra
Mikel Arruabarrena, no seu primeiro adestramento co Pontevedra / PontevedraViva

Mikel Arruabarrena xa exerce como xogador do Pontevedra Club de Fútbol. O dianteiro vasco incorporouse este martes aos adestramentos do equipo granate na sesión celebrada no campo da Seca, en Poio, aínda que o fixo a menor ritmo que os seus compañeiros.

O veterano futbolista, de 35 anos, chegou á cidade de Lérez recentemente recuperado dunha lesión muscular no xemelgo que se produciu en pretempada co seu anterior equipo, o Fuenlabrada, polo que Luismi preferiu non forzalo.

"Hemos decidido que hiciera un trabajo a parte porque venía de muchas horas de coche", xustificou o técnico.

O certo é que tras as presentacións iniciais, Arruabarrena completou a primeira parte da sesión, con exercicios físicos, e tamén tocou balón sen forzar a máquina, pero retirouse do grupo cando a intensidade creceu para exercitarse por separado realizando carreira continua e baixo a vixilancia dos recuperadores.

A pesar diso, Luismi non descarta o seu debut o vindeiro xoves no amigable previsto en Betanzos, no que "posiblemente jugará un rato, para que se vaya adaptando a nuestra idea, nuestro modelo de juego y sobre todo compenetrándose con los compañeros", recoñeceu o adestrador granate, que ve no dianteiro unha peza que dá "más presencia arriba, aguantar el balón, ser un hombre más finalizador, de área y que domina el juego aéreo".

Ademais de Mikel Arruabarrena, tamén Álex González continúa cun plan específico de recuperación das molestias musculares que lle mantiveron boa parte da pretempada a menor ritmo. Pola súa banda tamén están entre algodóns Pedro Vázquez e o canteirán Juan Barbeito.