Arxil e Cortegada preparan un derbi clave para estar no play-off de ascenso

Pontevedra
05 de marzo 2015

A falta de seis xornadas para a conclusión da liga regular o gañador deste duelo (sábado 19:30 horas no CGTD de Pontevedra) dará un paso de xigante para estar na fase de ascenso

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD / Diego Torrado

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acollerá o próximo sábado (19:30 horas) un apaixonante derbi provincial de Liga Feminina 2 entre Arxil e Cortegada de Vilagarcía.

Ademais da igualdade propia dos encontros recentes entre ambos os dous equipos, como o triunfo verde na primeira volta en Fontecarmoa (65-69), o choque ten o aliciente da loita por estar no play-off de ascenso á máxima categoría.

O Arxil, terceiro con 12 triunfos, parte con vantaxe con respecto ás vilagarciás, cuartas con 11, pero a derrota do Cortegada ante o Celta (quinto clasificado con 10 vitorias) a pasada fin de semana apertou a loita pola fase de ascenso.

Por iso o equipo que logre vencer no derbi dará, a falta de seis xornadas para a fin da liga regular, un paso de xigante nese obxectivo.

No club verde son concientes diso, polo que solicitaron o apoio dos seus afeccionados para o choque do sábado, no que esperan recuperar a súa mellor versión tras dúas derrotas consecutivas e un apurado triunfo en Valladolid.