As atletas da Gimnástica, a bo nivel en Bueu

Pontevedra
15 de novembro 2017

O club pontevedrés sumou dous podios na Carreira Pedestre de San Martiño, nunha das primeiras competicións da tempada

XXII Carreira San Martiño de Bueu
XXII Carreira San Martiño de Bueu / Sociedad Gimnástica

Os e as deportistas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra empezan a afinar a súa posta a punto no inicio da tempada participando en diferentes probas populares.

Así foi tamén na XXII Carreira Pedestre San Martiño celebrada en Bueu na que dúas das súas atletas subiron ao podio en categoría feminina.

Eva Cid, recente incorporación do club, fíxose co segundo posto na proba absoluta de 6 quilómetros cun tempo de 22 minutos e 27 segundos, sendo só superada por Alice Finot, do Celta de Vigo (21:22), mentres a tamén céltica Celia Pérez completou o podio na terceira posición (22:54).

Pola súa banda na categoría xuvenil venceu Natalia Castro Santos, do San Miguel de Marín, cun tempo de 23:35 seguida pola atleta da Gimnástica Blanca Armenteros a 12 segundos.

En canto á categoría absoluta masculina, sen representantes do club pontevedrés, o vencedor foi Gonzalo Basconcelo, do Celta, con Vicente Suárez (Comesaña) na segunda praza.

Consulta os resultados completos da XXII Carreira Pedestre San Martiño de Bueu.