As difíciles contas do Pontevedra para seguir con vida na Primeira RFEF

Pontevedra
10 de maio 2023

A tres xornadas para o final de liga e con 6 puntos de desvantaxe sobre a zona de permanencia, calquera tropezo podería condenar ao cadro granate ao descenso matemático esta mesma semana. Pola contra, para seguir con vida necesita gañar os seus tres partidos e esperar a ver que fan os seus rivais. Consulta o camiño que queda por diante a cada un deles

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Tres xornadas restan para o final da liga na Primeira RFEF e o Pontevedra Club de Fútbol está contra as cordas, afundido na zona de descenso a 6 puntos da salvación con só 9 puntos máis en xogo.

Os granates xa non poden permitirse máis erros, e mesmo facendo pleno e gañando os seus tres encontros poida que non lles chegue. Pero son moitos os equipos implicados na pelexa e por tanto múltiples as combinacións, xa que os pontevedreses aínda poden mesmo alcanzar o décimo clasificado, un Algeciras que está a 9 puntos pero ao que lle teñen gañado o diferencial particular de goles. Non ocorre o mesmo con Rayo Majadahonda e San Fernando, tamén a esa distancia pero que sairían vencedores en caso de empate a puntos. Máis abaixo, desde o décimo terceiro posto, todo pode suceder vendo ademais o calendario que lle espera a cada un dos equipos en problemas.

É un fío moi fino ao que agarrarse, pero os de Pasarón queren facelo mentres as matemáticas non digan o contrario, sabendo que calquera tropezo pode supoñer xa a certificación oficial do descenso. Pode chegar a pasar esta mesma xornada se non conseguen gañar a Unionistas (sábado, 19.00 horas en Pasarón) e o Badajoz, rival que marca a zona de salvación, puntúa na Malata. Nese caso daría igual que fai o Ceuta, o segundo equipo con 40 puntos situado na barreira pola permanencia, debido a que ten o diferencial particular ao seu favor.

Iso si, no caso de gañar a Unionistas, o Pontevedra seguiría con vida polo menos unha semana máis pase o que pase, tendo ademais que visitar a seguinte xornada a un rival directísimo como o Badajoz. Nese encontro sería ademais vital recuperar o average que agora mesmo está perdido pola derrota 1-2 en Pasarón da primeira volta do campionato.

Só co 6 de 6 poderíase chegar con opcións á última xornada, na que visitará Pasarón o Real Club Deportivo.

Con 5 prazas de descenso e a clasificación tremendamente apertada, son aínda 11 os equipos en perigo de descenso. Deles 9 están ao alcance dos granates, que deberían deixar a cinco detrás deles. Pero, que queda por afrontar a cada un dos equipos aos que podería superar o Pontevedra?. O calendario depara duelos directos para varios deles e tamén complicados calendarios para outros, polo que ningún equipo está aínda a salvo.

Este é o camiño que lles espera:

  • 10º. Algeciras, 43 puntos: Celta B (Casa), RC Deportivo (Fóra), Castilla (Casa).
  • 13º. Cultural Leonesa, 42 puntos: Castilla (C), Unionistas (F), Talavera (C).
  • 14º. AD Ceuta, 40 puntos: Talavera (C), Celta B (F), Linense (C).
  • 15º. CD Badajoz, 40 puntos: Racing Ferrol (F), Pontevedra (C), Córdoba (F).
  • 16º. Fuenlabrada, 39 puntos: Linense (C), Castilla (F), Unionistas (C).
  • 17º. UD Sanse, 39 puntos: Rayo Majadahonda (F), Linares (C), Alcorcón (F). 
  • 18º. RB Linense, 38 puntos: Fuenlabrada (C), Rayo Majadahonda (F), Ceuta (C).
  • 19º. Pontevedra CF, 34 puntos: Unionistas (C), Badajoz (F), RC Deportivo (C).
  • 20º. CF Talavera, 33 puntos: Ceuta (F), Racing Ferrol (C), Cultural Leonesa (F).