As entradas para o Celta-Deportivo en Pasarón, á venda dende este martes

Pontevedra
04 de agosto 2014

Na cidade de Lérez poderanse adquirir billetes nas oficinas da Federación Galega de Fútbol, no Estadio Municipal de Pasarón, de 11:00 a 15:00 horas. O Pontevedra tamén dispoñerá de entradas pero non confirmou cando as poñerá á venda

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

Os afeccionados interesados en facerse con entradas para o partido amigable entre Deportivo e Celta en Pasarón poderán adquirilas dende este martes 5 de agosto.

Segundo indica a Federación Galega de Fútbol todas as delegacións do organismo contarán con entradas, ao igual que os clubs implicados: Celta en Vigo, Deportivo na Coruña e Pontevedra como colaborador do evento.

O partido disputarase o mércores 13 de agosto no Estadio Municipal de Pasarón ás 21:30 horas en beneficio do fútbol base galego.

En Pontevedra a sede da Federación Galega de Fútbol comezará a despachar billetes dende este martes, 5 de agosto, en horario de 11:00 a 15:00 nas oficinas que dispón no propio estadio, na bancada de Preferencia. Tamén dispoñerá de entradas o Pontevedra, se ben o club granate non confirmou aínda cando as poñerá a disposición dos afeccionados.

O prezo fixado para o partido é de 20 euros para a bancada de Tribuna, 15 en Preferencia e 10 nos fondos. Os menores de 12 anos poderán entrar gratis.