As fichaxes do Teucro velan armas para a nova tempada

Pontevedra
17 de setembro 2021

O club pontevedrés presentou este venres ás súas fichaxes para a nova tempada na División de Honra Prata que está a piques de comezar

Presentación das fichaxes do Teucro 21-22
Presentación das fichaxes do Teucro 21-22 / Mónica Patxot

A nova tempada na División de Honra Prata está ao virar a esquina para a Sociedad Deportiva Teucro.

A liga non levantará o pano aínda ata o próximo 25 de setembro, cando os azuis debutarán na complicada pista do Zamora, polo que os de Irene Vilaboa afinan estes días a súa posta a punto.

Para iso o cadro teucrista disputará esta fin de semana un encontro amigable a modo de ensaio xeral. Será este sábado ás 19.00 horas fronte ao Carballal de Primeira Nacional, nun duelo ao que poderán acudir exclusivamente socios do club.

Antes desa cita, o Teucro presentou ás súas novas fichaxes nun acto conxunto celebrado na Casa da Luz.

Alí compareceron os gardametas Kilian Ramírez e Joshua Rau e os xogadores Álex Sánchez, Martín Davila, Álvaro Moreno e Gonçalo Moráis, seis pezas novas coas que a entidade espera dar un paso á fronte no crecemento do proxecto e non pasar os apuros da pasada campaña para salvar a categoría.