As inundacións en Ponte Caldelas provocan graves danos no campo de fútbol de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
08 de xaneiro 2016

O céspede artificial levantouse nunha das súas esquinas como consecuencia da crecida do Río Verdugo, deixando impracticable o terreo de xogo. A SCD Pontecaldelas suspende todos os seus adestramentos e partidos polo menos ata a próxima semana

Campo de fútbol de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, trala crecida do río Verdugo
Campo de fútbol de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, trala crecida do río Verdugo / Ricardo Castro

A crecida do río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas provocou graves danos no campo de fútbol de Chan da Barcia.

O tapete de herba sintética levantouse nunha das súas esquinas por mor da inundación das instalacións deixando impracticable o terreo de xogo.

Por este motivo a Sociedade Cultural Deportiva Pontecaldelas viuse obrigado a suspender todos os adestramentos e partidos previstos no seu campo polo menos ata a próxima semana para valorar a consecuencia dos danos.

O campo de Chan da Barcia foi renovado hai nove anos e inaugurado no verán de 2006 tras a instalación de céspede artificial, cun investimento de 368.000 euros que levou consigo a elevación do terreo de xogo ante as constantes inundacións que sufría.

A pesar desta intervención non é a primeira vez que as augas do Verdugo entran no campo, pero ata agora non produciran danos.