As inundacións en Ponte Caldelas provocan graves danos no campo de fútbol de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
08 de xaneiro 2016

O céspede artificial levantouse nunha das súas esquinas como consecuencia da crecida do Río Verdugo, deixando impracticable o terreo de xogo. A SCD Pontecaldelas suspende todos os seus adestramentos e partidos polo menos ata a próxima semana

Campo de fútbol de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, trala crecida do río Verdugo Ricardo Castro

A crecida do río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas provocou graves danos no campo de fútbol de Chan da Barcia.

O tapete de herba sintética levantouse nunha das súas esquinas por mor da inundación das instalacións deixando impracticable o terreo de xogo.

Por este motivo a Sociedade Cultural Deportiva Pontecaldelas viuse obrigado a suspender todos os adestramentos e partidos previstos no seu campo polo menos ata a próxima semana para valorar a consecuencia dos danos.

O campo de Chan da Barcia foi renovado hai nove anos e inaugurado no verán de 2006 tras a instalación de céspede artificial, cun investimento de 368.000 euros que levou consigo a elevación do terreo de xogo ante as constantes inundacións que sufría.

A pesar desta intervención non é a primeira vez que as augas do Verdugo entran no campo, pero ata agora non produciran danos.