"As pistas deixan paso aos sendeiros" na terceira edición da Pontevedra BTT Non Stop

Pontevedra
20 de setembro 2016

A proba, non competitiva, celebrarase o vindeiro sábado 24 de setembro na contorna do encoro de Pontillón do Castro, Verducido, con máis de 300 ciclistas inscritos

Presentación da III Pontevedra BTT Non Stop
Presentación da III Pontevedra BTT Non Stop / Mónica Patxot

A contorna do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, acollerá este sábado 24 por terceiro ano consecutivo a Pontevedra BTT Non Stop, proba non competitiva e de "superación persoal" con dúas modalidades, 6 horas e 12 horas.

A semellanza das probas de resistencia no mundo do motor, os participantes tentarán completar as máximas voltas posibles a un circuíto de case 9 quilómetros no tempo estipulado, podendo facelo por equipos ou de maneira individual.

Nesta ocasión o percorrido presenta importantes cambios con "un circuíto máis de Mountain Bike, onde as pistas deixen paso aos sendeiros", explicou Josevi Cimadevila, responsable da empresa organizadora.

"Segue sendo unha proba orientada a todo o mundo", sinalou, e que este ano contará con máis de 300 participantes, cun importante incremento dos deportistas que o realizarán en solitario, máis de 30.

A proba de 12 horas comezará ás 9:00 horas desde as instalacións de piragüismo, mentres as 6 horas arrincarán ás 15:00 da tarde, completando o final da proba xa entrada a noite.

Trátase ademais dun evento "atractivo para o público", cunha zona cero e actividades en meta para os afeccionados e familiares que ata alí se acheguen.