As pistas deportivas do Multiusos instalaranse no Recinto Feiral durante as obras de reforma do pavillón

Pontevedra
17 de agosto 2018

Os nove clubs que habitualmente utilizan a instalación da Xunqueira seguirán coa súa actividade habitual no interior do Recinto Feiral, onde ata novembro estarán instaladas as dúas pistas de xogo. Ademais habilitaranse vestiarios e almacéns. As obras no Multiusos iniciaranse o próximo  mércores 22 de agosto

Encontro de palilleiras no Recinto Feiral
Encontro de palilleiras no Recinto Feiral / Cristina Saiz

Os nove clubs que utilizan a diario as instalacións do Multiusos da Xunqueira mudaranse ao interior do Recinto Feiral durante as obras de reforma do pavillón.

Así o anunciou este venres o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, tras fixar o inicio dos traballos para o vindeiro mércores 22 de agosto.

Desta forma, as dúas pistas de xogo do Multiusos serán instaladas no Recinto Feiral, xunto a módulos de vestiarios e almacéns que dean servizo aos clubs, que manterán os mesmos horarios que lles eran asignados.

"É un labor de absoluta filigrana", explicou o edil, xa que actualmente o Recinto está ocupado polas teas que se colocarán na  Feira Franca e será "cuestión de horas" o seu baleirado para empezar a instalación das pistas. Este calendario apertado tamén se dará en novembro, cando o espazo deba quedar libre para poder celebrar a feira Etiqueta Negra de produtos gourmet.

"Calculamos que na primeira quincena de novembro poderemos volver ao Multiusos", confirmou Demetrio Gómez, aínda que as obras de reforma, que contan cun orzamento de 1.947.164 euros, continuarán ata final de ano.

En canto aos clubs que utilizan os campos de fútbol da Xunqueira, e facían uso dos vestiarios do pavillón, terán agora este servizo nuns módulos provisionais que se instalarán no exterior. Ademais contactouse co instituto lindeiro para poder almacenar material no seu recinto.

A rehabilitación integral do Multiusos da Xunqueira supoñerá entre outras cousas, ademais de novas pistas de xogo e unha renovación total dos vestiarios, a instalación dunha nova cuberta con illante térmico, a impermeabilización do teito, o cambio da cristalería nos laterais do pavillón, unha instalación nova de electricidade, fontanería, sistemas antincendios, novas caldeiras e sistema de quecemento de auga a través de placas solares.