Apáganse as luces de alarma nas filas do Cisne. Hai unha semana o lateral Bruno Vázquez tivo que retirarse por unha lesión no seu xeonllo dereito. Nun primeiro momento, tanto o xogador como o corpo técnico creron que se trataba dunha grave lesión, pero as probas realizadas descartan rotura dos ligamentos, polo que no prazo de dous meses o xogador poderá volver xogar con normalidade.
Despois dunha semana en albas e temendo que o xogador podería perderse toda a tempada, a consulta co traumatólogo e os resultados da resonancia realizada esta semana descartaron a rotura do ligamento cruzado do xeonllo dereito. Con todo, deberá pasar un longo período de recuperación que lle impedirá estar cos seus compañeiros no primeiro partido de liga.
En principio, non poderá facer grandes esforzos ata dentro de seis semanas. A partir dese momento, en función da dor e as súas sensacións, poderá comezar a realizar exercicios con impacto. Ademais, necesitará tempo tamén para recuperar ritmo de xogo, polo que non poderá estar dispoñible ata o mes de outubro.
Doutra banda, o Cisne ten a proba estes días a Emiliano Franceschetti, un xogador que pertence ao Oviedo pero que, ao non poder ser inscrito polo conxunto asturiano por temas burocráticos, atópase traballando ás ordes de Javier Márquez, que terá a última palabra para decidir a súa continuidade en Pontevedra. Se o técnico considera que podería ser útil para esta campaña en Liga Asobal, o Cisne negociará co Oviedo unha posible cesión.