As Rías Baixas ditan sentenza en La Vuelta cunha espectacular etapa

Pontevedra
04 de setembro 2021

Galicia presumiu este sábado das súas Rías Baixas. Foi grazas ao paso da Vuelta a España,que celebrou a súa penúltima etapa entre as localidades pontevedresas de Sanxenxo e Mos, deixando ao seu paso unha xornada de gran emoción e a (virtual) coroación do seu gañador

Saída de La Vuelta en Sanxenxo
Saída de La Vuelta en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

Galicia presumiu este sábado das súas Rías Baixas. Foi grazas ao paso da Vuelta a España,que celebrou a súa penúltima etapa entre as localidades pontevedresas de Sanxenxo e Mos, deixando ao seu paso unha xornada de gran emoción e a (virtual) coroación do seu gañador.

O ciclista esloveno Primoz Roglic, que acabou segundo na etapa pontevedresa da Volta, chegará a Santiago coa camisola vermella de gañador. A falta da contrarreloxo final, avantaxa en 2:38 ao español Enric Mas, do Movistar Team; e en 4:48 ao australiano Jack Haig.

Pouco antes das doce do mediodía, o pelotón saíu da Praza do Mar de Sanxenxo e, tras pasar por Portonovo coa saída neutralizada, a carreira tomou velocidade ao pasar a praia de Areas e atravesar Poio pola PO-308 antes de entrar na cidade de Pontevedra.

Coas rúas cheas de espectadores, os ciclistas chegaron pola Barca e pasaron por Paseo de Colón, San Roque, Avenida de Marín, Manuel del Palacio, María Victoria Moreno e Avenida de Vigo, antes de acceder ao Nó do Pino para dirixirse pola PO-542 cara Ponte Caldelas.

Foi nese momento cando se desataron as hostilidades. Custou moito que se formase a fuga, pero ao final xuntáronse 16 corredores, co australiano Michael Storer asegurando a camisola da montaña ao puntuar nos altos de Vilarchán (Ponte Caldelas), Mabia e Mougás.

Os escapados, que chegaran a ter doce minutos de vantaxe, foron neutralizados no alto Castro de Herville e, a partir de aí, os ataques foron constantes. Para entón o español Miguel Ángel López (Movistar), terceiro na xeral, xa decidira abandonar.

Aínda que o resto de favoritos logrou coarse na fuga definitiva, todos eles víronse sorprendidos polo francés Clément Champoussin que, con apenas 23 anos, logrou a súa primeira vitoria nunha gran volta. Atacou con forza e levou o gran premio en Mos.

La Vuelta a España concluirá este domingo cunha contrarreloxo de 33,8 quilómetros entre Padrón e Santiago de Compostela. A meta estará situada na Praza do Obradoiro.