Ás voltas coa composición do Grupo I da Segunda B

Pontevedra
03 de xullo 2015

A Federación Galega de Fútbol defenderá unha proposta que inclúa os equipos galegos, castelán leoneses, asturianos, navarros, cántabro, rioxano e un estremeño, opción diferente á que manexa a Federación Española. A Comisión de Segunda B propoñerá a próxima semana unha repartición que deberá ser referendada pola asemblea federativa

Partido Pontevedra CF - Haro Deportivo
Partido Pontevedra CF - Haro Deportivo / Diego Torrado

Como cada tempada, a composición dos catro grupos da Segunda División B se converteu nun rompedeiro de cabeza polo interese dos equipos en garantirse unha liga na que prime a proximidade xeográfica.

Será a Comisión de Segunda B a encargada de formular unha repartición de grupos, algo que fará previsiblemente a próxima semana para posteriormente ser referendado pola Asemblea da Real Federación Española de Fútbol o día 14 de xullo.

Nesa reunión, a Federación Galega presentará unha proposta, a priori diferente á que manexa o órgano directivo nacional. Segundo deu a coñecer a súa proposta reuniría no Grupo I aos seis equipos galegos (Pontevedra, Celta B, Coruxo, Somozas, Racing de Ferrol e Compostela), seis castelán leoneses (Cultural Leonesa, Astorga, Burgos, Arandina, Guijuelo e Valladolid B), dous asturianos (Sporting B e Lealtad), tres navarros (Tudelano, Peña Sport e Izarra), un cántabro (Racing de Santander), un rioxano (UD Logroñés) e un estremeño (Cacereño).

Esta repartición choca coa idea que parece cobrar máis forza, a de colocar no Grupo I a galegos, castelán leoneses, asturianos, cántabro e completar a lista cos tres estremeños (Villanovense e Mérida ademais de Cacereño) e dous dos equipos manchegos (Toledo e Talavera).

O que semella inamovible é o Grupo III, toda vez que a suma de cataláns, valencianos e as Baleares dá o resultado de 20 equipos xustos, mentres o IV volverá estar dominado polos equipos anduleces (12) e murcianos (5).

A dúbida principal pois é encaixar aos dous primeiros grupos, nos que tamén deberán entrar os nove equipos vascos ou os catro madrileños.

Consulta aquí a proposta completa para os catro grupos que defende a Federación Galega de Fútbol.