Ás voltas coa defensa para recibir ao Real Madrid Castilla

Pontevedra
07 de outubro 2017

Con Jimmy e Adrián León fóra por lesión, o Pontevedra deberá recompoñer a liña defensiva para recibir este domingo (17:00 horas) en Pasarón ao filial madridista. Por se iso non fose suficiente problema para Luisito, Miguel é dúbida por culpa dun accidente doméstico

Luisito, nun adestramento en Pasarón
Luisito, nun adestramento en Pasarón / Mónica Patxot

A liña defensiva é a principal preocupación de Luisito para o choque deste domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Real Madrid Castilla.

Os granates buscan a súa terceira vitoria consecutiva ante un filial madridista que tamén comezou de maneira irregular a tempada e ocupa o posto 13 da táboa con 8 puntos.

Con Jimmy fóra de combate para dous meses e Adrián León recuperándose aínda da forte escordadura de nocello que sufriu en Ferrol, o técnico do Pontevedra deberá variar unha vez máis a retagarda, xusto cando mellor estaba a funcionar.

Por se iso non fose suficiente problema, o lateral destro Miguel é dúbida para o choque por mor dun accidente doméstico sufrido o pasado mércores, no que queimou as mans.

Por aí veñen por tanto as incógnitas na aliñación granate, con David Castro aspirando a repetir titularidade no costado zurdo e Goldar fixo noutro dos postos da liña de catro, tanto Mongil como Bruno Rivada gañan enteiros para ser da partida ante o Castilla.

Un Real Madrid moi renovado e que, da man de Solari, quere empezar a relucir a súa evidente calidade para escalar posicións na clasificación.

O colexiado do encontro será o castelán-leonés Alfonso Vicente del Moral.