Asalto arxilista á zona de play-off ante o colíder Ibaizabal

Pontevedra
18 de decembro 2015

O conxunto pontevedrés afronta este sábado (19:30 horas no CGTD) a última xornada do ano na Liga Feminina 2 coa intención de sumar o seu sexto triunfo consecutivo e colocarse entre os catro primeiros postos

Partido entre Arxil e Badajoz no CGTD
Partido entre Arxil e Badajoz no CGTD / Diego Torrado

Esixente exame para o Club Baloncesto Arxil na última xornada do ano na Liga Feminina 2, recibindo este sábado (19:30 horas) ao GDKO Ibaizabal, colíder da competición.

As verdes buscarán o seu sexto triunfo consecutivo para ascender aos catro primeiros postos e demostrar que poden loitar ata final de tempada por un posto na fase de ascenso.

Para iso deberán superar a un conxunto, o Ibaizabal, que só perdeu un encontro en 11 xornadas e que conta coa xogadora máis desiquilibrante da liga.

Por aí pasará unha das claves do choque, a defensa sobre a estadounidense Margaret Roundtree, ala-pívot que promedia 19,7 puntos por partido, 11,4 rebotes e 29,39 de valoración.