Os contratempos nos adestramentos foron protagonistas da semana de traballo do Pontevedra Club de Fútbol, pero todo queda ao carón cando chega unha nova xornada de liga, de novo na casa, que pode servir para asaltar os postos de play-off.
Os granates reciben este domingo en Pasarón e en horario pouco habitual (12:00 horas) o Las Palmas Atlético coa ilusión de conseguir o seu cuarto triunfo consecutivo para colocarse entre os catro primeiros.
É difícil escapar desa idea, aínda que Luismi opina que "lo mejor es abstrarse" e pensar só no conxunto canario. "Es un partido en el que hay que ganar, jugamos en casa otra vez, delante de nuestra gente. Después al acabar ya veremos cómo fue la jornada", sinalou o técnico.
Javi López, lesionado de gravidade no xeonllo, é baixa para un choque no que David Castro é dúbida por un golpe no cuádriceps. Ademais Nacho López e Álex Fernández seguen sen estar dispoñibles.
En canto ao rival, Luismi ve no filial da UD Las Palmas "un equipo que encaja pocos goles", con "un balance de ataque-defensa bastante bueno y que arriba tiene jugadores de talento".
Os amarelos, que non gañan fóra desde o 7 de outubro ante o Celta B, chegan á cita na sétima praza con 23 puntos como perseguidor máis inmediato do Pontevedra e con dúas baixas por sanción, as do defensa Eric e o centrocampista Castañeda.
As entradas para o choque mantéñense con respecto a outras citas con prezos de 20 euros en Tribuna, 15 en Preferencia e 10 euros nos fondos. O colexiado do encontro será o castelán-leónes Carlos Pérez Fernández.