O Dicsa Modular Cisne xa forma parte da Asociación de Clubs de Balonmán, Asobal. Despois de que o conxunto pontevedrés ascendera á máxima categoría do balonmán estatal e rexeitara integrar no colectivo, algo que non é obrigatorio actualmente para competir na liga Asobal, polo canon de 43.000 euros que debe abonar as novas altas, ambas as partes alcanzaron este mércores un acordo.
"Facemos un esforzo, pero eles tamén o fan", declarou a PontevedraViva o presidente do cadro branco, Santi Picallo, facendo rederencia aos beneficios que recibirá agora o equipo como financiamento dos test PCR por parte da asociación, que ademais aceptou dar facilidades de pago aos galegos. "Agora mesmo é mellor estar dentro", admitiu o dirixente.
Coa adhesión do Cisne, a Asobal queda integrada por quince equipos: Dicsa Modular Cisne, Barça, ABANCA Ademar León, Bidasoa Irun, Incarlopsa Cuenca, Fraikin BM Granollers, Quabit Guadalaxara, Angel Ximénez Puente Genil, Viveros Herol BM Nava, Recoletas Atlético Valladolid, Fertiberia Puerto Sagunto, BM. Benidorm, Helvetia Anaitasuna, Liberbank Cantabria Sinfín, Bada Huesca e Frigoríficos Morrazo. Os únicos que seguen fóra da agrupación son Logroño e Villa de Aranda.
"Confiamos en que Dicsa Modular Cisne goce dunha exitosa campaña de debut na elite do balonmán masculino español e que sigamos traballando xuntos, en boa sintonía, durante moitos anos", recolle o comunicado de Asobal no que se anuncia a incorporación da entidade pontevedresa.