Ata 100.000 dólares de premio e tres días de competición, así é a Super League na que debuta Gómez Noya

Pontevedra
16 de marzo 2017

Javier Gómez Noya estréase esta fin de semana en Hamilton Island (Australia) nunha nova e espectacular competición de tríatlon, a Super League. Serán tres días consecutivos con carreiras rápidas e sen apenas tempo para o descanso na que estarán os grandes triatletas do ránking internacional co incentivo de pelexar pola maior bolsa de premios do calendario

Gómez Noya tras vencer na proba das Series Mundiais de Abu Dhabi
Gómez Noya tras vencer na proba das Series Mundiais de Abu Dhabi

Javier Gómez Noya atópase estes días en Astralia para debutar nunha nova competición, a Super League de tríatlon, que non só reunirá a un elenco de estrelas do seu deporte senón que repartirá a maior bolsa de premios do calendario internacional.

Na primeira carreira deste novo circuíto, en Hamilton Island, estarán 23 triatletas entre os que destacan, ademais do galego, o dobre campión olímpico Alistair Brownlee ou o actual campión das Series Mundiais Mario Mola.

Trátase dun novo formato con carreiras rápidas que apostan pola espectacularidade e en tres días consecutivos, sen apenas descanso, co incentivo para os deportistas dos 100.000 dólares que levará o vencedor da competición, resultante da suma total de tempos. Ademais o segundo gañará 50.000 dólares e o terceiro 25.000, cunha repartición de premios que chega ata a décima posición (2.500 dólares).

O novo chega coa composición da carreira, que arrincará este venres 17 de marzo co Triple Mix, continuará o sábado co Equalizer e finalizará o domingo co Eliminator.

TRIPLE MIX

Tres roldas con só 10 minutos de descanso entre ambas, sendo a orde de saída o alcanzado na proba anterior:

  • Rolda 1: natación (300 metros), ciclismo (6 quilómetros), carreira a pé (2 quilómetros).
  • Rolda 2: carreira a pé, ciclismo, natación.
  • Rolda 3: ciclismo, natación , carreira a pé.

 

EQUALIZER

Nunha primeira parte desta disciplina competirase nunha contrarreloxo de ciclismo de 6 quilómetros, logrando un tempo que será tido en conta na saída da segunda rolda. Cada triatleta sairá á distancia perdida con respecto ao primeiro clasificado na contrarreloxo, afrontando a partir dese momento cinco segmentos: 300 metros de natación, 2 quilómetros de carreira, 300 metros de natación, 6 quilómetros de ciclismo e de novo 2 quilómetros de carreira a pé.

ELIMINATOR

Nesta modalidade a velocidade será clave, con tres roldas de natación (300 metros), ciclismo (6 quilómetros) e carreira (2 quilómetros) no mesmo orde que o Triple Mix con dez minutos de descanso entre cada unha, tempo que empiza a contar cando o primeiro clasificado de cada serie cruza a liña de meta. Ademais os últimos en cada rolda serán eliminados, pasando á segunda só os 15 mellores e á última os 10 mellor clasificados. O gañador será o primeiro que entre en meta na terceira das probas.

 

Todas as xornadas de competición arrincarán ás 6:30 horas (hora española) e poderanse seguir en directo a través da canle Eurosport.