Atletas de Galicia, Portugal, Navarra, País Vasco e Cataluña participan na VIII edición de 'Salta na rúa'

Pontevedra
21 de agosto 2024

Sociedad Gimnástica e Concello de Pontevedra colaboran na iniciativa para dar visibilidade a estas modalidades do atletismo. A exhibición comezará ás sete e media da tarde na Praza da Ferrería

Participantes en la VII edición Saltar na Rúa
Participantes en la VII edición Saltar na Rúa / Cristina Saiz

A espectacularidade das disciplinas deportivas do atletismo volven á rúa este sábado 24 de agosto coa oitava edición de 'Salta na rúa' que organiza a Sociedad Gimnástica de Pontevedra en colaboración co Concello. 

A partir das 19.30 horas na Praza da Ferrería o público poderá ver de preto a varios dos mellores atletas de Galicia, Portugal, Navarra, País Vasco e Cataluña que van tomar parte desta iniciativa. A proposta pretende dar visibilidade a estas modalidades do atletismo e "que vexan o que son capaces de facer estes deportistas", sinalaba Santi Ferrer, adestrador da Gimnástica, "entidade que ten unha importancia e unha traxectoria moi valiosa tanto a nivel social como deportivo polos resultados que alcanza todos os días" en palabras da tenente de alcalde, Eva Vilaverde.

En total serán 22 atletas os que ofrezan esta exhibición deportiva. Un destes nomes é o de Oriol Almirall, atleta da Gimnástica que adestra en Cataluña e conta cunha marca de 5'30 metros en salto con pértega. "A ver se conseguimos ver na Ferrería un salto por encima dos cinco metros que sería algo espectacular", dicía Ferrer. Na categoría feminina participarán as tres mellores de Galicia, entre elas a ourensá Manuela Blanco.

En salto de lonxitude estará Sergio Coello, da Ximnástica e que este ano alcanzou unha marca de 7'73 metros. Elas estarán representadas, por exemplo, por Olaia Gisela Becerril, galega afincada en Estados Unidos, actual campioa galega cunha marca que supera os seis metros; e a atleta navarra Laila Lacuey cunha marca de 6,49 metros. En triplo salto poderase ver ao campión galego absoluto Diego Míguez ou tres mulleres con marcas que superan os trece metros.