Atlético Saguntino, rival do Pontevedra por un posto na final da Copa Federación

Pontevedra
23 de febreiro 2018

O Pontevedra xa coñece ao seu rival nas semifinais da Copa Federación. Será o Atlético Saguntino, equipo valenciano do grupo terceiro da Segunda División B

Sorteo das semifinais da Copa Federación
Sorteo das semifinais da Copa Federación

O Pontevedra xa coñece ao seu rival nas semifinais da Copa Federación. Será o Atlético Saguntino, equipo valenciano do grupo terceiro da Segunda División B.

Así quedou determinado tras o sorteo celebrado este venres na sede da Real Federación Española de Fútbol.

O partido de ida celebrarase o 8 de marzo en Pasarón, aínda que o Pontevedra estuda pedir adiantalo un día, ao mércores 7 de marzo. A volta será en Sagunto á semana seguinte, o 15 de marzo.

O Atlético Saguntino é, actualmente, oitavo do grupo terceiro da Segunda B. Con dez vitorias e nove empates en 26 partidos, ten 37 puntos e está a catro dos postos do playoff de ascenso. Foi, ademais, campión da última Copa Federación.

Luismi, adestrador do Pontevedra, tras coñecer o rival na Copa Federación, explicou que o equipo afrontará este partido "igual que hasta ahora" e prometeu que os granates competirán "bien" para tratar de alcanzar a final.

Iso si, reiterou que "lo principal" para o Pontevedra é a liga "que es donde nos va todo", polo que en todo caso "no nos podemos despistar".

A outra semifinal enfrontará ao Vilafranca e ao Ontinyent.

Os gañadores de ambas as eliminatorias competirán polo título, tamén a dobre partido, os días 5 e 12 de abril.