Atletismo popular e boxeo para unha completa fin de semana deportiva en Marín

Marín
14 de decembro 2016

O colexio San Narciso acollerá o vindeiro domingo 18 de decembro o II Torneo de Nadal de formas de boxeo, mentres a Asociación de Veciños Serraseca de Castro organiza a VIII San Silvestre Subida a Castro

Presentación da VIII San Silvestre Subida a Castro en Marín
Presentación da VIII San Silvestre Subida a Castro en Marín / Concello de Marín

A próxima fin de semana, 17 e 18 de decembro, será especialmente deportiva en Marín, con dous eventos que completarán a habitual oferta do municipio.

Por unha banda os afeccionados ao deporte poderán achegarse ata o II Torneo de Nadal de boxeo organizado polo Team Thunder, e por outro está a carreira pedestre VIII San Silvestre Subida a Castro, organizada pola Asociación de Veciños Serraseca de Castro, que se disputarán en ambos os casos o domingo 18.

O pavillón do Colexio San Narciso será escenario a partir das 11:00 horas da competición puxilística, de formas de boxeo, na que se espera contar con preto dun cento de participantes tendo en conta que só o club local, o Team Thunder, achega 40 deportistas á cita de entre 6 e 16 anos de idade.

Os futuros boxeadores terán opción de demostrar as súas calidades técnicas ante un xurado nas probas de corda, sombra, saco e manopla demostrando quen ten maior proxección no deporte das luvas.

En canto á San Silvestre Subida a Castro, a proba atlética popular contará cun percorrido de 7 quilómetros e saída ás 11:00 horas. Ademais por segundo ano, e á mesma hora, organízase tamén a Andaina Marabillas da Casa, que transcorrerá por zonas como o Monte das Teixuguiras, Concheiro, Castro da Subidá, Camiño Real, Penizas ou o Lavadoiro de Ludeiro.