O Bádminton Ravachol cae ante o vixente campión nas semifinais polo título ligueiro

Pontevedra
19 de abril 2026

O equipo pontevedrés quedou ás portas da gran final tras perder co CB IES La Orden (5-2), actual campión e gran favorito para revalidar o título

Club Bádminton Ravachol Club Bádminton Ravachol

Non puido ser para o Club Badminton Ravachol, que caeu este sábado no Polideportivo Municipal Andrés Estrada nas semifinais do play-off do Top 10 Iberdrola.

O equipo pontevedrés mediuse ao vixente campión, o CB IES La Orden, nun partido que terminou cunha clara vitoria do conxunto onubense (5-2).

Arrancou o encontro co encontro de dobres mixtos. Javier Suárez e Iziar Barcala foron os primeiros en actuar por parte do cadro galego e enfrontáronse á parella formada por Pablo Abián e Hristomira Popovska.

O partido foi dominado desde a primeira manga polo equipo andaluz, que levou os tres sets para pór por diante aos seus.

A parella formada pola propia Iziar e Ana Nóvoa en dobres feminino devolveu a igualdade ao global tras bater a Cristina Teruel e Silvia Redondo, pero o IES La Orden tomou de novo a dianteira ao levar o choque de dobres masculinos. Javier Suárez e Sidharth Ani caeron nun axustado encontro que se resolveu no quinto set.

Foi quenda entón para os duelos individuais, momento no que o equipo andaluz abriu unha brecha no marcador dificilmente remontable.

E é que o Bádminton Ravachol caeu pola vía rápida nos enfrontamentos de Ana Nóvoa e Raúl Bergua, que tiveron poucas opcións nos seus partidos fronte a Cristina Teruel e Alejandro Pérez respectivamente.

O resultado global reflectía un 4-1 insalvable. As noticias non melloraron no partido de Carmen Carro, pois a deportista do club pontevedrés tivo que retirarse no seu duelo fronte a Hristomira Popovska por unha lesión no ombreiro.

A pesar do resultado, O británico Sidharth Ani plantou cara no último enfrontamento e impúxose en cinco sets a Álvaro Morán para facer o definitivo 5-2.

Non puido dar a sorpresa o Bádminton Ravachol fronte a un rival de entidade como é o CB IES La Orden. De feito, o conxunto andaluz poderá levantar o seu undécimo titulo de Liga en caso de vencer na final.