Bakú marca o camiño cara a París de Melania Rodríguez

Pontevedra
21 de febreiro 2024

A deportista do Club Ximnasia Pontevedra atópase xa na capital de capital de Acerbaixán para participar na primeira Copa do Mundo de Trampolín de 2024, penúltima proba puntuable para a clasificación olímpica

Melania Rodríguez e Pablo Hinojar (segunda e terceiro pola dereita) en Bakú
Melania Rodríguez e Pablo Hinojar (segunda e terceiro pola dereita) en Bakú / Real Federación Española de Gimnasia

A Selección Española de Ximnasia conta as horas para participar na primeira Copa do Mundo de Trampolín de 2024, penúltima cita puntuable para a clasificación olímpica.

Co equipo nacional atópase xa en Bakú, Acerbaixán, unha representante do Club Ximnasia Pontevedra como Melania Rodríguez, xunto ao seu adestrador Pablo Hinojar.

Melania, que quedou no Mundial a menos de tres décimas de lograr o billete olímpico, acode a Bakú co obxectivo de conseguir unha boa actuación que lle achegue a París 2024, aínda que a clasificación non se decidirá ata o clasificatorio previsto en marzo.

A Copa do Mundo de Trampolín de Bakú celebrarase do venres 23 ao domingo 25 de febreiro.