A prohibición de acceso de público ás competicións de balonmán de ámbito autonómico chega ao seu fin este sábado 18 de xaneiro.
Péchase así o capítulo aberto tras a agresión sufrida na bancada polo familiar dun árbitro nun encontro de categoría cadete feminina en Sanxenxo, e que motivou a reacción de todo o balonmán galego e nacional.
Agora, semanas despois, os equipos retomarán a normalidade nos partidos, pero farano avisados do novo protocolo que se imporá para atallar calquera conduta impropia, xa sexa por parte dos afeccionados, desde a pista de xogo ou desde os bancos.
A Federación Galega de Balonmán comunicou aos clubs que estará moi atenta ao que suceda nos pavillóns, adoptando 'medidas extremas' de ser necesario.
Avisan, e así llo fixeron saber aos clubs, que os colexiados recibiron ordes de non permitir queixas por parte de xogadores e adestradores.
Ademais se chegan a producirse protestas subidas de ton por parte de familiares ou afeccionados van adoptarse medidas que irán desde o apercibimento ao desaloxo ou mesmo a suspensión do partido.
Trátase dun paso máis nas accións que a Federación Galega adoptou para tratar de sensibilizar a todo o balonmán galego contra a violencia.
Todo porque, tal e como sinalaban nun comunicado cando se impuxeron os encontros a porta pechada, "non queremos que a seguridade no noso deporte sexa un problema; non queremos que se normalicen os insultos, protestas ou agresións; non queremos que ninguén teña que expor a súa integridade física para evitar feitos tan preocupantes como o ocorrido; non queremos ter que educar aos adultos; non queremos ter que esixir sentido común e respecto".
"Non imos normalizar insultos, protestas, comportamentos discriminatorios ou agresións. Quen non estea disposto a soportar os erros que se poidan cometer por parte dos árbitros, dos xogadores ou dos staff é mellor que non vaia a ver balonmán e busque unha modalidade perfecta e menos emocionante", afirma agora o organismo reitor do balonmán galego.