Baño de ouro de Raúl Cortizo nun campionato galego sub 20 dominado pola Gimnástica

Pontevedra
09 de marzo 2020

Os atletas do equipo pontevedrés conseguiron un total de 19 metais nos campionatos autonómicos de categoría sub 20 e sub 16

O atleta da Gimnástica Raúl Cortizo conseguiu tres ouros no compionato galego sub 20
O atleta da Gimnástica Raúl Cortizo conseguiu tres ouros no compionato galego sub 20

O pavillón Expourense foi escenario a pasada fin de semana do campionato galego de pista cuberta de categoría sub 20 e sub 16 no que os atletas Sociedade Ximnástica destacaron no medalleiro ao conseguir 19 metais. Pero a actuación máis brillante foi a do prometedor atleta Raúl Cortizo que se fixo con tres ouros nas tres probas nas que participou. 

Ademais de subirse todo o máis alto do podio nas probas de salto de altura (1,92 m), salto de lonxitude (6,92 m) e 60 metros lisos (7.11), nesta última carreira o mozo deportista quedou a unha soa centésima da marca mínima que lle daría o billete para participar no campionato de España da categoría.

No campionato de categoría sub 20, os atletas da Sociedade Ximnástica fixéronse con quince metais: seis ouros, sete pratas e dous bronces. Yago Boleas conseguiu a prata en triplo salto (13.53 m) e o ouro en salto con pértega (3,65 m), o mesmo rexistro que o seu compañeiro Pablo Tojal, que tivo que conformarse coa prata.

Nas probas de velocidade, Carlos Argibay e Pedro Fernández asinaron un segundo e terceiro posto nos 200 metros lisos, que lle valería ao primeiro deles para conseguir a clasificación para o campionato de España de pista cuberta de categoría sub 20. Nos 800 metros lisos, Alberto Pérez fíxose coa vitoria e nos 400, conseguiu a prata. 

No cadro feminino, Andrea Villaverde impúxose no salto de lonxitude cunha marca de 5 metros e en altura, logrou a medalla de prata (1,49 m) porque o ouro recaeu na súa compañeira de equipo Aloia Vilas (1,52 m) e pechou o medalleiro Cristina Garrido con outra medalla de prata.

Na categoría sub 16, os atletas da Ximnástica pecharon a súa participación con tres medallas de bronces e unha de ouro.