Pasaron un ano e tres meses desde aquel día, todo un mundo cunha pandemia polo medio, pero o estadio vigués de Barreiro será sempre especial para Jesús Ramos, e é que alí se estreou como primeiro adestrador do Pontevedra Club de Fútbol.
Fíxoo na xornada 10 de liga da pasada campaña, de maneira interina tras a destitución de Luismi, salvando unha situación complicada e logrando un valioso triunfo por 1-2 con goles de Santi Figueroa e Rivera nos últimos minutos que supoñían a remontada ao tanto inicial do Celta B.
Naquel momento co marinense ao mando o cadro granate venceu ao propio Celta B e Melilla unha semana máis tarde antes da chegada ao cargo de Carlos Pouso. Máis adiante, tras a saída do vasco, chegarían tres encontros máis á fronte, sen perder, cun empate fronte ao Atlético B e triunfos contra Castilla e Getafe B antes da cancelación da tempada.
Foi tempo suficiente para terminar de convencer á planta nobre de Pasarón de que lle dese unha oportunidade. Así Ramos púxose á fronte do novo proxecto coa misión de pelexar polos tres primeiros postos na primeira fase da competición.
O curso comezou de maneira moi positiva, con 7 xornadas sen perder de maneira consecutiva (12 partidos co técnico á fronte sen ser vencidos contando os anteriores), ata que chegou a derrota en Coruxo para despedir 2020 e a situación seguiu empeorando no mes de xaneiro, caendo tamén fronte ao Racing de Ferrol e Unionistas.
Agora, no seu momento máis comprometido e comezando a estar cuestionado no cargo, Jesús Ramos volve onde todo empezou, e faino para afrontar unha auténtica reválida, porque tras cinco xornadas sen facelo só vale gañar para engancharse de novo á pelexa e recuperar parte do crédito perdido.
Non será un camiño fácil, tampouco o era hai pouco máis dun ano, xa que enfronte estará un filial céltico que foi de menos a máis na competición ata converterse nun auténtico rival directo. Ademais, os pontevedreses perden nesta ocasión o 'factor cancha' a pesar de xogar fóra, e é que as bancadas de Barreiro non poderán tinguirse de granate como de costume as últimas tempadas. Un alento que non estará presencialmente ao ser o partido a porta pechada pero que a recado terán presentes tanto os futbolistas como o corpo técnico, sabedores de que non poden volver fallar.