Batalladora estrea competitiva do Froiz na Volta a Zamora, con liderado incluído

Pontevedra
15 de xullo 2020

O conxunto pontevedrés foi un dos grandes protagonistas da primeira etapa en liña da Vuelta a Zamora, pero o seu corredor Víctor Romero foi neutralizado polo grupo a só 7 quilómetros do final cando marchaba en solitario na cabeza de carreira. É o novo líder da carreira

Víctor Romero (dereita), circulando escapado na segunda etapa da Vuelta a Zamora
Víctor Romero (dereita), circulando escapado na segunda etapa da Vuelta a Zamora / Vuelta a Zamora

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz quedou preto de levantar os brazos en sinal de vitoria na súa segunda xornada de competición tras o parón provocado polo coronavirus, pero levou o premio de conseguir o maillot amarelo de líder.

O pelotón ciclista elite e sub-23 regresou esta semana ás carreiras coa Vuelta a Zamora, en cuxo prólogo de 3,5 quiilómetros un ciclista do Froiz, Marcos Jurado foi quinto a 9 segundos do vencedor, Mauricio Moreira (Rías Baixas).

Era só o aperitivo ao que estaba por chegar este mércores coa primeira etapa en liña da rolda castelá, na que o conxunto alimenticio foi un dos grandes animadores.

Foi unha etapa dura e movida, sobre todo pola aparición dos temidos abanicos que dividiron aos participantes en dous grupos no quilómetro 75 dos 141 que separaban a saída e  Villaralbo da meta en Roales. O Froiz viuse sorprendido por esta circunstancia e asumiu a responsabilidade de tirar detrás para reducir o preto de 1 minuto de desvantaxe que se chegou a acumular.

Unha vez enlazado Víctor Romero, corredor do equipo pontevedrés, deuse á fuga acompañado de Sotil (Goierriko TB). Faltaban algo menos de 40 quilómetros e o dúo chegou a contar con 1'20'' de vantaxe sobre un pelotón no que o Rías Baixas se poñía ao mando da persecución.

Romero soltou ao seu compañeiro e marchou en solitario, tentando aguantar o minuto de vantaxe que aínda atesouraba con respecto ao pelotón a 15 de meta. Con todo o interese no grupo por unha chegada masiva privoulle da vitoria, sendo neutralizado a 7 quilómetros do final.

O triunfo decidiuse finalmente ao sprint, onde se impuxo Alex Ruíz (Valverde Team). Sen embargo o ciclista do Froiz tivo premio, ao situarse como líder provisional da clasificación xeral.

A Vuelta a Zamora, primeira competición nacional post-Covid, contará aínda con dúas etapas máis estando prevista a súa conclusión o vindeiro venres 17 de xullo.